«Apagaremos luces, pero o que precise comida, teraa»

La Voz

GALICIA

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Gato es alcalde de Monterroso desde 1999

4.167 (INE, a 1-1-2010)

2.100.000 ?. Para el 2012: «Imos ser cautelosos, presupostar por debaixo do ano pasado».

En Monterroso (Lugo) tiñan para o 2011, segundo o seu alcalde, Antonio Gato (PSOE), un orzamento duns 2.100.000 euros. O municipio ten actualmente unha débeda dun millón. Pero Gato Soengas, máis ca iso, que tamén asume, valora os servizos dos que hoxe poden dispoñer os seus cidadáns.

1. -A situación do noso concello [no que hai uns 40 traballadores] é a de calquera de Galicia que pretenda medrar, estar na primeira liña de prestación de servizos. A propia Xunta considéranos nó de equilibrio territorial. Experimentamos un desenvolvemento importante nos últimos doce anos. Fixemos infraestruturas novas e prestamos novos servizos. Endebedámonos precisamente para iso, e para adquirir bens produtivos. Niso radica a nosa débeda, asumible e controlable. Somos dos concellos de Galicia que cumprimos coas obrigas. Nos orzamentos, o primeiro que facemos é presupostar para esa carga financeira que temos que pagar [aproximadamente, 80.000 euros ao ano]. Logo, para pagar aos traballadores; despois, para o gasto corrente que xera a prestación de servizos; e, por último, o que nos quede, para obra nova. Ese é o noso modelo de xestión, case empresarial. A contención do gasto corrente é, dende hai tempo, un obxectivo permanente no noso concello. O segundo sería a creación de emprego: temos un elevado índice de paro.

2. -Xa eliminamos e minoramos gastos superfluos: luces de Nadal, de festa... Andamos agora cun programa de suspensión temporal de puntos de luz innecesarios: pretendemos aforrar con iso máis de 22.000 euros o próximo ano. Por outro lado, é verdade que en épocas de vacas gordas temos prestado servizos a moi baixo prezo, algo que non deberiamos facer. Así que, agora, outro dos nosos obxectivos é que os veciños paguen, polo menos nunha parte, aqueles servizos que non son de prestación obrigatoria, algo que non lles vai supoñer unha carga extrema. Poño un exemplo: ata o de agora, dende o Concello recolliamos gratis as coroas de todos os cemiterios. Iso acabouse. Teremos que cobrar. É unha medida para conter o gasto corrente, non para lucrarnos. Polo demais, en servizos sociais e educativos, Monterroso é un exemplo. Eses seguiranse prestando. Garantímolos. Apagaremos as luces, pero aquel veciño que precise comida teraa e aquel que precise que o levemos ao centro de día, tamén sabe que o faremos.

3. -Dende Monterroso promovemos sempre a iniciativa de mancomunar servizos. Cremos que ese é o camiño. Se o Concello de Monterroso e os cinco restantes cos que estamos tratando de crear unha mancomunidade podemos facer, en vez de seis, unha soa licitación conxunta para o mantemento do alumeado, das piscinas ou a recollida do lixo, aforraremos. É pensar coa cabeza. A mancomunidade é tamén un lugar de encontro para crear un clima de entendemento e de veciñanza común. Moi necesaria tamén para vencer ribetes localistas que ao mellor foron obstáculos do pasado.

4. -É moi difícil falar de fusión de concellos neste momento en Galicia, porque todos teñen un sentido local, de prestación de servizos aos seus cidadáns, e iso tamén é moi respectable. Se agora mesmo sobran ou non concellos, é un debate no que non debemos entrar, porque antes de falar diso habería que mellorar outras cousas: as relacións institucionais, o nivel de gasto, a financiación das Administracións locais.