«O noso modelo lingüístico en infantil é moi semellante ao catalán»

O decreto do plurilingüismo xa non ten volta atrás, pero Lorenzo asegura que fóra do ensino hai ámbitos nos que pode acadarse consenso cos tres grupos políticos«O decreto non está en discusión, pero o pacto pola lingua vai máis alá, e hai moitos puntos da política lingüística fóra do ensino que poden ser consensuados»


santiago/la voz.

Aprobado polo Consello da Xunta, o decreto do plurilingüismo entrará en vigor probablemente xa na vindeira semana. A nova norma, sinala o responsable de Política Lingüística do Goberno galego, escoitou á sociedade, que demandaba un equilibrio entre o galego e o castelán na escola.

-Ao final retírase do decreto a consulta aos pais. ¿Cal foi o motivo?

-O principal foi a indicación por parte do Consello Consultivo de que había unha falta de cobertura legal para realizala en educación primaria e secundaria. Iso levounos a actuar con responsabilidade e vincular a realización desa consulta á aprobación desa lei que anunciou o presidente da Xunta. O que si mantemos é a pregunta en infantil sobre cal é a lingua materna do alumno. Consideramos que a pesar do dito polo Consultivo hai plena garantía e cobertura legal para facer esa pregunta. Así o demostra o feito de que esa pregunta se estea facendo en lugares onde hai un modelo lingüístico no tocante a infantil moi semellante ao noso, como Cataluña e Baleares. Un modelo de lingua materna predominante con atención individualizada.

-¿Quedará redactada tal e como estaba no borrador?

-A lingua predominante en infantil será a lingua materna predominante no alumnado con atención individualizada para o estudante, en calquera que sexa o seu idioma materno, e por suposto con adquisición da outra lingua, é dicir, da non predominante. Pretendemos un ensino bilingüe e incluso trilingüe cos programas de introdución adiantada da lingua estranxeira.

-¿Na práctica haberá cambios en infantil, aulas que agora se imparten en galego e daranse en castelán ou viceversa?

-En infantil non creo; haberá un proceso de axuste, pero non demasiados cambios.

-Agora xa se escoita aos pais, ¿non cre que os docentes xa elixían a lingua materna da maioría para dar as clases?

-Pero tal e como esta redactada a lei dáselles un papel ás familias dun xeito claro. Simplifica moitísimo traballo, e creo que é unha mellora incluso na xestión dos centros.

-¿Dará tempo a que a consulta en primaria e secundaria, que recolla esa nova lei, se aplique nesta lexislatura?

-Dependerá de como quede a lei, e dos prazos de aprobación. O presidente da Xunta anunciou a súa redacción ao longo da lexislatura. Cando estea aprobada haberá que ver como poñela en marcha e como vai afectar a este decreto que entrara en vigor a semana que vén.

-Facer unha lei para dar cobertura legal a unha consulta ¿non é obstinarse nunha promesa electoral que foi o tema máis criticado do decreto?

-Penso que os compromisos están para cumprirse, sobre todo os que forman parte do contrato que os gobernantes establecen cos seus electores. Hai ese compromiso de escoitar ás familias, cousa que hai que lembrar que xa se fixo, porque o ano pasado fíxose en xuño unha consulta ás familias de 330.000 nenos, e os resultados desa consulta de xuño son os que están detrás dese decreto, sobre todo no tocante ao equilibrio. Esta igualdade forma parte das conclusións dos resultados da consulta.

-¿Tamén vai ser vinculante, como se recollía no proxecto de decreto?

-Entendo que cando se redacta unha lei están abertos unha serie de puntos. Pero diga o que diga -hai que esperar a que se elabore co consenso dos grupos parlamentarios-, é importante ter claro que nunca vai ir en detrimento do equilibrio entre as linguas, nin da aposta polas linguas estranxeiras.

-Fala de consenso, as leis lingüísticas sempre o tiveron...

-Esta non será unha lei lingüística, senón de convivencia nos centros, na que se inclúe a participación das familias, e que poidan opinar ou ser consultados. En canto ao consenso, o presidente propuxo no Courel o pacto pola lingua, e ese pacto é un ofrecemento en serio.

-¿Non o habería que ter ofrecido hai un ano?

-Na elaboración do decreto houbo un esforzo de buscar o máximo consenso posible. Houbo en todo momento un intento de consensualo. O proceso de elaboración do decreto foi impecable e o Consello Consultivo non di nin unha soa palabra sobre o procedemento. Consultamos coas dúas institucións lingüísticas e culturais, e agradézolle a Real Academia Galega e ao Consello da Cultura os seus informes, que nos serviron para incorporar cambios e melloras. Incorporamos ao final máis de 50 cambios, algúns profundos. Quixemos en todo momento pactar a norma, pero os dous grupos da oposición cando publicamos as bases dixeron que non querían falar do decreto. Non se pode falar con quen non quere.

-¿Ata que punto a consellería cederá no decreto por este pacto pola lingua?

-O decreto non está en discusión, vai estar aprobado xa. O pacto da lingua vai máis alá do asunto do decreto, pero hai moitos puntos da política lingüística fóra do ensino que poden ser consensuados e pactados polas tres forzas.

-Pois no ámbito do ensino tamén houbo moitos consensos.

-Posiblemente si, nos anos 80 e 90 ata o 2007, aí houbo unha separación e é o momento de comezar a pechala. No decreto do ensino non houbo consenso pero imos tentar recuperar unhas bases de diálogo. Deixemos fóra as cousas que agora nos separan, e centrémonos naqueles aspectos nos que si podemos chegar a acordos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
54 votos

«O noso modelo lingüístico en infantil é moi semellante ao catalán»