«O que quereríamos é poder intervir nos proxectos de lei»

Luís Villamor

GALICIA

Afirma que a súa elección polo presidente da Xunta colleuna por sorpresa e, como cidadá, aínda que non aconsella ao bipartito, aspira a actuacións máis rápidas

02 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O día despois da súa toma de posesión como presidenta do Consello Consultivo de Galicia, María Teresa Conde-Pumpido Tourón, pontevedresa, de 56 anos, ofrece unha receta de «consenso» e «diálogo» para impulsar la institución.

-¿Que novas funcións terá o Consello Consultivo?

-Eu dixen que non era o momento de reivindicar nada, senón de ser capaces de comprometernos. Conseguir un mellor traballo que dea lugar a ese crecemento, unha aspiración do Consello xa coñecida á que o propio presidente da Xunta se referiu. A lei, se se modifica, non vai ser de inmediato. Quédannos seis anos. -¿Deulle Touriño algunha orientación? -En absoluto. Foi unha cousa tan inesperada... Un ofrecemento xeneroso, sen ningún tipo de orientación ou cortapisa.

-¿Que prioridades se marca antes da reforma da lei?

-Esta presidencia está concebida como moi personalista. Non é a miña maneira de traballar. Penso que con consenso e diálogo se avanza moito.

-Algunhas leis teñen chegado ao Parlamento cunha redacción defectuosa, con topónimos incluso doutras comunidades autónomas...

-O que quereríamos é poder intervir nos proxectos de lei, esta é unha das aspiracións. O Consello Consultivo agora só asesora á Administración no que son normas de desenvolvemento regulamentario. Estamos en proxectos menos glamurosos, asesoramos a pequenos concellos, pero son traballos moi cercanos ao cidadán. Estamos en marzo e imos polos trescentos corenta e tantos expedientes.

-¿É unha das principais eivas actuais, a de non poder ditaminar proxectos de lei?

-Algúns consellos teñen esa facultade, outros non. Pero, polo que sei, o Parlamento ten magníficos letrados. O Constitucional recoñeceu que os consellos eran a peza lóxica e esencial nos autogobernos autonómicos.

- ¿Un Consello Consultivo con máis funcións podería ter entrado no da designación dos senadores autonómicos?

-Non creo. Entendo que é unha cuestión de funcionamento político, do propio Parlamento.

-¿O órgano consultivo informará só as leis especiais?

-É unha cuestión de oportunidade. No seu momento o presidente remitiu ao Consello Consultivo o proxecto de reforma do Estatuto de Autonomía, a nosa lei marco, e é moi significativo.

-Na última etapa de Fraga, a CIG levou o asunto dos cargos de libre designación, que a Administración quería facer fixos...

-Sei que houbo bastantes ditames con controversia e votos particulares, pero non o vivín, polo tanto, non coñezo os pormenores.

-O luns estaba o señor Albor, como ex presidente da Xunta, na súa toma de posesión...

-Acude aos plenos e pode aportar toda a visión que se ten como ex presidente, e incluso as dificultades de conectar intereses desde a presidencia.

-¿Non lle chama a atención que outros non solicitaran a entrada no Consello?

-Non, Fraga está no Senado... penso que prefiren outras experiencias. É humano.

-Vostede defende os consellos «proveitosos». ¿Como cidadán, daría algún ao bipartito?

-Non vou dar ningún consello. Eles son os que teñen que facer e saben que despois os vai xulgar a sociedade. Penso que estamos avanzando en moitas cousas. Aínda estamos empezando a segunda parte da lexislatura. Queda un ano e algo e, como cidadán, teño visto cambios. ¿Todos queremos máis? Nunca son todos os que queremos. Queremos avanzar máis a presa nos cambios.