O mestre preguntáranos que queriamos ser de maiores e un de nós levantou a man e dixo: ¡Emigrante! - Emigrante. Residente Ausente Presente. Ausente Presente Residente. Presente Residente Ausente. ¡Emigrante! - Coidado coa morriña. Os que marchaban sentían morriña, os que quedaban no muelle ou na estación, máis morriña. - Non é o mesmo o tren de vida que o tren da vida. - A maleta do inmigrante que chega de África é a maleta do emigrante que marchou a América. - O cemiterio máis grande de Galicia é o inmenso camposanto de La Habana. ¿Ou será o da Chacarita de Bós Aires? Hai outro, máis pequeno, en Saint Jean de Terranova. - Nun partido de fútbol, un dianteiro meteulle tres goles a un porteiro que tivo tres fallos. Os dous emigraron xuntos, no mesmo barco. - Como se comprobou no reconto electoral, non votaron os mortos, pero votou algún difunto despistado. - Emigraron os máis novos, os máis inquedos, os máis decididos. Ficamos nós. - A paisaxe máis fermosa de Galicia é a que está a ver un galego en Nova Zelanda. - Reforma do Estatuto de Autonomía. Primeiro artigo: Galego pode selo calquera. - No Metro, en Londres: Falo mellor inglés que os ingleses. Aprendeumo Black Beuty. ¿Quen era Black Beuty? Era un cabalo moi listo que saía na televisión. - No Metro, en París: A miña nai é galega, o meu pai é checo, e eu son francesa. Pero o que máis me gusta é a Love Parade. - Cando se fixo home, foi na busca do seu pai, á Arxentina. Non o chegara a coñecer. Non se sabía nada del. Non escribía cartas. Atopouno nun vello vagón de tren, nunha vía cega da Pampa. Estaba afeitándose. Polo espello, o pai viu como alguén se achegaba... O espello estaba crebado en diagonal e dividía os dous rostros. Sen falar, o fillo agardou ata que a navalla barbeira raspou a derradeira illa de espuma no mapa da cara. Logo díxolle soamente: «Vamos pra casa, señor». - Un periodista arxentino, nos anos trinta: Os mellores tangos cántanse na Coruña. - Pé dunha fotografía de traballadores na construcción do canal de Panamá: Group of gallegos. - En Xenebra. Un home: Prefiro Galicia, aínda que sexa vivindo nun cortello. A muller: Pois eu aquí son feliz. - O mundo do revés: Traballar de sol a sol na construcción en Canarias, vir de vacacións á Terra e agradecer a beizón da chuvia na cara curtida. - Os emigrantes máis sensibles descobriron moi pronto cal era o mal que atoraba Galicia. O primeiro que facían era recoller fondos para construir escolas nos lugares de orixe. - As autoridades inauguran obras con fachendosas placas nas que destaca o seu nome para pasar á Historia. Pero a mellor placa da historia de Galicia consérvase no edificio do Centro Galego de La Habana. Reza así: «En honor de Antonio Abad Fernández, Honrado obrero, Hijo de Galicia». - En todas as vilas galegas hai un establecimento que leva o nome de París. En París, pola noite, a luz de neón dun bar: Le Galicien Fatigué. - En Hollywood, Rubia Barcia doblou a Gary Cooper. Dise que non hai cine galego. Non é certo. O noso cine foron as do far-west. - Titular de La Vanguardia, en Barcelona: «Los gallegos dan de comer». Ben. - Luis Menéndez cóntame a apaixonante vida de Sofía Casanova. Pero a que a min máis me emociona é a da súa criada, Pepiña de Cecebre. Están enterradas xuntas, en Polonia. - É incrible que aínda non haxa un Museo da Emigración en Galicia. Pero mellor sería aínda que xa non houbera emigración. - Emígrase cando falla o pan, a liberdade ou a esperanza. Por certo, ¿que se sabe de Esperanza?