Paulo Rodríguez, de Dinahosting: «Contratamos sempre en Galicia. É posible captar e formar talento aquí»

LA GALICIA ECONÓMICA

PACO RODRÍGUEZ

A empresa tecnolóxica galega mantén a súa independencia do capital foráneo

20 mar 2021 . Actualizado a las 22:54 h.

Ao rematar a entrevista, Paulo Rodríguez Cundíns (A Coruña, 29 de setembro de 1980), director de desenvolvemento e comunicación de Dinahosting, revelouse coma un deses galegos que saben exactamente o que queren para Galicia. Impórtalle este territorio. Por esas mesmas motivacións presume da súa empresa dedicada ao rexistro de nomes, de dominios e de aloxamento web: «É a primeira compañía independente do sector en España», co 100 % do capital español, e neste caso, galego.

-Dito o dito, a pregunta sería: cando ides vender?

-Dinahosting non se vende.

-Estás seguro?

-Completamente. Dinahosting nace como unha start-up máis arredor do ecosistema que estaba xurdindo con Internet. Negocios tradicionais offline percibiron a necesidade de dar o salto para o online. É un proceso que nos acompaña dende os últimos 20 anos: novas tecnoloxías, dixitalización... Dinahosting empeza promovendo servizos de creación de páxinas web, servizos relacionados (correo electrónico), e a medida que aumenta a demanda, amplía o seu modelo de negocio. Promove a infraestrutura necesaria para que iso funcione. Implica infraestrutura técnica de conectividade (servidores onde se executan as páxinas web e as aplicacións dos clientes, servizo de correo electrónico, almacenamento de ficheiros e todo o necesario para que iso se execute con seguranza).

-O equipo executivo está conformado por tres directores xerais: Paulo Rodríguez, Carlos Suárez e Alberto de la Morena. Pero non son os propietarios, aínda que eles tamén están implicados na compañía. Por que non van vender?

-Porque Dinahosting ten moito futuro. Segue sendo unha aposta gañadora; temos un proxecto con potencial tremendo. A compañía está fundamentada nuns alicerces moi asentados na realidade. Sería unha grande renuncia desviar esa liña de traballo.

-Cal é o idioma da compañía? [No sector impera o inglés].

-Utilizamos as linguas de contexto, neste caso o español e o galego. Pero unha das características da nosa aposta empresarial é a de falar o idioma de cada cliente. De tal maneira que somos pioneiros en ofrecer versións multidioma para todos os idiomas da Península: galego, español, catalán, euskera, portugués e tamén inglés.

-Que tipo de clientes tedes?

-A tipoloxía propia do tecido empresarial español: particulares, autónomos, pemes e algunha grande empresa. Desde un negocio de zapatería ou freelance ata La Voz de Galicia. Percibimos un incremento dos empresarios por estar na rede. Aqueles que tiñan presenza online están explorando novos camiños e aqueles que non están en Internet, estudan dar un salto.

-Imaxinemos un comercio que facture 50.000 euros ao ano. Como sabe que a súa páxina web está funcionando correctamente?

-O tempo de resposta desde que entras na web ata que se mostra o contido debe ser o máis rápido posible. Cada vez que cliquee nun enlace ten que cargar o máis rápido posible...

-O máis rápido posible canto é?

-Depende de varios factores. Que a conectividade sexa boa, que vai dende o sitio onde te conectas ata o sitio onde está aloxado o servidor. Nós temos un desenvolvemento de alto rendemento con acceso redundado con diferentes provedoras, que posibilitan que o acceso sexa rápido. Por outro lado, ten que haber un servidor que teña unhas características técnicas que posibiliten executar esa aplicación para compoñer esa información de maneira dinámica e mandala da maneira máis rápida. E que todo ese entorno sexa seguro e estea libre de ataques, que non sexa vulnerable.

-Galicia ten unha boa conectividade?

-Non. Temos dous ritmos, claramente. Por un lado, está o eixo atlántico, onde a conectividade é mellor, e despois está a Galicia baleira, que ten dificultades para ter condicións óptimas de conectividade. Hai moito que facer.

-Que a Galicia baleira estea nestas condicións, que significa?

-Que habendo capital humano e dándose as condicións no medio para que xurdan boas ideas e viables —ou alternativas empresariais e económicas— para que os galegos e galegas sexamos máis felices, pois hai unha cortapisa que impide, retarda e dificulta que iso poida producirse. Reduce o horizonte de expectativas.

-Iso a vós, como dinamizadores do tecido empresarial, limítavos?

-Determina a nosa penetración no mercado.

-Se non teñen Internet...

-Esas empresas non frutifican; e se non hai empresas no rural, hai menos negocio. Que a conectividade no rural sexa mala non ten unha relación directa con nós. Pero se un cliente noso da Coruña quere vender á xente do Caurel, pero a xente do Caurel non se pode conectar... E non se pode conectar primeiro porque non hai xente e segundo porque tería que subirse no alto da antena para ter conectividade. [Ri]

-Falemos de ciberseguridade. Como facedes vós para que non entren piratas?

-O tema é moi complexo. Hai multitude de estratexias. Establecendo filtros de tráfico, unha pronta detección dunha intromisión...

-Pódevos pasar algo como o que lle pasou ao SEPE?

-A nós non... Xamais! Non estou en condicións de facer unha análise do que lle pasou ao SEPE, pero a nós non nos pasaría. Nin de coña! En beneficio dos nosos clientes. Nós sempre tivemos unha política moi exhaustiva de excelencia en todos os niveis do negocio e ese é o vector onde se constrúe a historia de Dinahosting. Facer as cousas paso a paso e con totais medidas de seguranza. O noso non é un servizo que brille, pero séntese. Se falla, nótase. E non se pode notar.

-Plan de inversión...

-Estamos facendo unha inversión importante en capital humano para reforzar os servizos e imos seguir dándolle caña ao mesmo.

-Sodes empresa que demanda traballadores?

-Si, e todos en Galicia. Temos unha natureza moi ancorada a onde somos, de Santiago, e dalgunha forma acreditamos que é posible captar talento aquí, é posible formar talento aquí e pescamos aquí. Non é unha condición sine qua non, pero... Contratamos con vocación de continuidade sempre.

-Facedes pouco contrato temporal.

-Cero.

DNI da empresa

  1. Quen é: Empresa tecnolóxica. O núcleo do seu negocio é o aloxamento en web, servizo de correo electrónico, almacenamento de ficheiros na nube e rexistro de nome de dominio. Aposta pola excelencia en soporte técnico
  2. Facturación: 15 millóns de euros
  3. Empregados: 123
  4. Domicilio social: Santiago de Compostela