A vangarda da arte dixital transforma a primavera en Galicia

FUGAS

Imaxe dunda das primeiras propostas de arte dixital que se viron este mes na Cidade das TIC, en Pedralonga.
Imaxe dunda das primeiras propostas de arte dixital que se viron este mes na Cidade das TIC, en Pedralonga. Vanessa Rábade

Marta Verde e José Venditti derruban a cuarta parede no maior plató virtual de España

08 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Maio está en constante mutación, é campo aberto á creatividade e o cambio, no espazo que sitúa Galicia á vangarda da arte dixital esta primavera na Antiga fábrica de Armas da Coruña. A proposta que adianta futuros desde as posibilidades da tecnoloxía chámase (In)visual. «É unha proposta interesante sobre todo polo lugar no que se celebra, un estudio inmersivo. Utilizar un espazo destes para facer unha performance ou un live audiovisual onde haxa un público que despois de ver a proposta artística poida ter un coloquio cos artistas paréceme algo orixinal, que non se adoita facer. Semella que as salas de concertos son só para concertos, os sitios de rodaxe só para rodar películas, e isto é poder aproveitar a parte técnica para darlle un uso máis artístico», di a galega Marta Verde, unha das creadoras dixitais de vangarda que participan do evento que debuxa Galicia no centro do mapa da arte virtual, con propostas para todos os sábados deste mes de maio.

(In)visual dá nome a este ciclo que conxuga música audiovisual e prácticas dixitais contemporáneas impulsado pola Deputación da Coruña, que se celebra en Coruña Estudio Inmersivo, na Cidade das TIC, antiga Fábrica de Armas.

Por onde van ir os tiros da arte?

A arte é unha arma cargada de futuro tecnolóxico, o que pasa por aunar territorio, tecnoloxía e creación, «convidando a imaxinar como poderán ser os espazos culturais da Coruña do mañá». Así anticipa o que virá (In)visual citando na cidade ata fin de mes a artistas de vangarda no que é, actualmente, o maior plató virtual de España.

Este sábado, día 9, poderán ver o novo proxecto do tándem con dez anos de experiencia que forman José Venditti e Marta Verde. «É un matrimonio ben longo! Somos compañeiros de aventuras», sorrí Marta, que explica que el pon a parte musical e ela a visual nos seus proxectos conxuntos. «É unha combinación que pode asociarse a unha cultura máis de clube, de festa, de electrónica, de noites de discoteca e así, pero tamén se pode aplicar noutros eidos diferentes, coa arte experimental, coa danza, o teatro... Hai ahí un campo aberto», avisa a creadora de Pontevedra que leva anos vivindo fóra por isto de varrer fronteiras artísticas e esquemas mentais fixos.

«Cando acabei a carreira en Pontevedra tiven que marchar de Galicia en busca de oportunidades de traballo. Agora aquí xa empeza a haber máis», considera esta creadora virtual, que accedeu «de maneira bastante natural» á arte de mesturar tecnoloxía con distintas linguaxes creativas. «Sempre se me deron ben os ordenadores. Era moi de andar falcatruando co vídeo, e estudei Belas Artes en Pontevedra. Alá por 2009 comecei a traballar nun grupo que mesturaba música tradicional con electrónica querendo darlle unha volta; modificar o baile tradicional galego e meter videocreación en directo», conta Marta Verde, que despois marchou a completar a formación a Barcelona.

Marta Verde e José Venditti estarán este sábado na Cidade das Tic.
Marta Verde e José Venditti estarán este sábado na Cidade das Tic.

Cada vez é diferente

«A parte bonita desta mundo é poder facer coa ferramenta o que ti queiras. A performance non é un vídeo que é exactamente igual todas as veces que lle dás ao Play. Vai ser cada vez algo diferente», di Marta, que di que se vai arriscando en arte, «porque o público quere ver cousas novas». Por exemplo? En lugar de estar na butaca, que o público estea arredor dos músicos. «É como romper a cuarta parede do cine, o público non ten por que quedar fóra. Pódense facer moitas cousas, e facelas pasa por innovar. Que non funcionan? Pois non o volvemos facer!», e listo.

Mañá, día 9, José Venditti e Marta Verde presentan Prima Materia, precuela do seu proxecto Espectro Dorado. «É un live audiovisual que se adentra na crudeza do son e a fisicidade da imaxe», achega o tándem de artistas. Partindo do material achéganse ao simbólico nunha experiencia, afirman, «inmersiva e orgánica».

Este sábado na Cidade das Tic, alquimia.