A conexión literaria feminista do Día das Letras Galegas 2026: de Begoña Caamaño a Annie Ernaux
FUGAS
A protagonista do Día das Letras deste ano brilla con forza nun universo de escritoras que entenden a escrita como acto de responsabilidade, memoria e resistencia. O pracer é noso
09 ene 2026 . Actualizado a las 13:01 h.A Real Academia Galega elixiu este pasado verán a Begoña Caamaño como a autora a homenaxear o próximo 17 de maio, aínda que ben sabemos que as Letras xa se celebran todo o ano. No seu momento a noticia foi acollida con entusiasmo porque supón o recoñecemento dunha voz feminina anovadora, reivindicativa e universal, porque Begoña escribiu en galego coa mirada ao mundo, con lentes violetas e un corazón que latexaba por cada causa xusta. E fíxoo cunha prosa poética, simbólica e coidada que nos reconciliou cos mitos clásicos dende o feminismo.
A Editorial Galaxia vén de reeditar as súas novelas: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. De seguro, haberá a quen sorprenda que con só dúas obras a súa figura sexa tan significativa nas nosas letras, pero isto sería como cuestionar a grandeza de Juan Rulfo, Emily Brönte ou Salinger, por unha escasa produción, mais con títulos maxistrais como: Pedro Páramo, Cumbres borrascosas ou O gardián entre o centeo. Estas novelas son proba inequívoca de que a calidade literaria é ben máis importante ca cantidade, e que unha obra mestra basta para consolidar unha carreira.
Hai só unhas semanas o Parlamento galego declaraba por unanimidade este 2026 como Ano Otero Pedrayo, ao cumprirse medio século do seu pasamento, e se hai algo que comparten estas figuras é o feito de comezar a publicar na madurez, despois de moitas lecturas e dun pouso vital e literario fondo.
Begoña Caamaño estreábase en 2009 coa historia de Circe e Penélope, un intercambio epistolar que rachaba co mito grego e que situaba a estas mulleres no centro da historia non coma rivais, senón como compañeiras, como aliadas, nesa sororidade que a autora practicaba na vida e na literatura.
Non cabe dúbida de que o seu era un proxecto meditado, onde as voces femininas reivindicaban o seu lugar, ser escoitadas, entender as súas razóns, os seus sentimentos a través das súas propias palabras. Non dubidaba en confesar que seguía a Cunqueiro no camiño de achegarse ás materias clásicas sen medo a darlles vida, facelas nosas, como demostrara o de Mondoñedo co ciclo artúrico ou con personaxes universais como Sinbad ou Hamlet.
No caso de Begoña, interésase polas mulleres que aparecen na historia sempre como secundarias, sen voz. Aínda que Xohana Torres xa nos deixara escoitar a Penélope para expresar o seu desexo de navegar sen esperar ningún Ulises, Caamaño dálle un xiro: establece unha relación con Circe, a feiticeira da illa de Eea, acusada de desviar o camiño do heroe cara a Ítaca. Agora non, agora é unha muller libre, intelixente, que non ten medo ao pracer nin a dialogar con Penélope e isto aproxímaa a Margaret Atwood, e ao libro Penélope e as doce criadas, publicados case a un tempo. E unha década despois Madeline Miller volve sobre Circe coa mesma mirada feminista, coa mesma reivindicación do gozo, do pracer, de liberarse das culpas e crecer como mulleres libres.
Morgana é a protagonista da segunda novela. Ela é sabia, pero chámana meiga, bruxa, puta. Novamente a autora constrúe unha relación de sororidade con Viviana, e esa irmandade entre mulleres permítenos viaxar polas aventuras e desventuras dos demais personaxes do ciclo artúrico como Lancelot, Xenebra ou Merlín dende outra ollada.
A protagonista é intelixente, non emprega a guerra, non busca a autoridade, nin a gloria como os personaxes masculinos, ela válese da palabra, da memoria e cuestiona o establecido.
Por desgraza, este proxecto literario viuse truncado por unha morte prematura; con todo, sabemos que nos seus últimos anos preparaba unha terceira novela protagonizada por Sherezade, ademais do propósito de ficcionar a vida da súa bisavoa, o que confirma a coherencia e a continuidade consciente da súa escrita.
Para a autora viguesa, escribir foi ao tempo un acto político e poético, unha escolla comprometida que nace de saberse parte dunha liñaxe de voces femininas coas que estar en permanente diálogo: Virginia Woolf, Christa Wolf, Ingeborg Bachmann, Anne Carson ou, as xa citadas, Margaret Atwood e Madeline Miller.
Outro referente vital para Begoña Caamaño foi María Xosé Queizán, a súa profesora de francés nos primeiros anos e unha figura central do feminismo galego. Ler hoxe a Caamaño é, sen dúbida, recoñecer o labor das pioneiras, pero tamén dialogar co presente: o seu interese por poñer no centro as mulleres e reescribir a historia dende a súa voz propia conecta con autoras como a portuguesa Lídia Jorge ou a estadounidense Kate Zambreno, quen rescata na súa obra a aquelas escritoras á marxe do canon, silenciadas.
Outras autoras contemporáneas, como Annie Ernaux, detéñense nas mulleres do común, nesas vidas aparentemente pequenas onde latexa a historia enteira, un interese que Begoña Caamaño tamén deixou entrever na súa vontade de novelar a vida da súa bisavoa. Nesa procura da memoria persoal e colectiva, do corpo como lugar de pertenza e de experiencia, a escrita convértese nun xesto de resistencia e de reparación, nun exercicio de honestidade que devolve dignidade ao vivido. Esas mesmas pulsións atravesan a obra de Margarita García Robayo e Gioconda Belli, que centran a súa atención na vida cotiá e nas normas sociais que condicionan o corpo, o pracer e o amor, elementos comúns á escrita de Caamaño, aínda que nela adquiren unha dimensión máis simbólica.
Leer más: Para «aquelas que dixeron NON»
Neste diálogo que atravesa fronteiras e culturas debe situarse tamén a Chimamanda Ngozi Adichie, a autora nixeriana que escribe dende unha realidade moi diferente e introduce elementos como a raza ou o colonialismo, pero o berro é común: o dereito das mulleres a contar a súa propia historia e confrontar o patriarcado. Estes mesmos fíos —memoria, corpo, voz e resistencia— tecen tamén as obras de Remedios Zafra, Rosa Montero ou Han Kang.
Nese universo de escritoras que entenden a escrita como un acto de responsabilidade ética e política, Begoña Caamaño brilla con forza. Elas son conscientes que narrar é resistir e, dende estilos e proxectos distintos, reclaman un espazo dende o que visibilizar as experiencias femininas, compartindo un horizonte común onde o corpo, a voz, a memoria e a sororidade se converten en ferramentas para construír narrativas propias e reconfigurar o imaxinario colectivo. Nesa liña, a literatura non se limita a recrear historias: transforma a realidade e reivindica a presenza das mulleres no mundo, na cultura e na propia vida.
Este coro de voces femininas transcende o tempo e o espazo. A súa é unha escrita capaz de transformar o mito, a memoria e o corpo en fíos de resistencia, en pontes de sororidade, facendo da literatura un acto de liberdade e de reparación. Porque o mundo tamén nos pertence, e noso é tamén o pracer do azul.