As súas tataravoas están contentas

FUGAS

Fillas de Cassandra rematan un tema cunha gravación na que a avoa de Sara Faro e a tía avoa de María Soa.
Fillas de Cassandra rematan un tema cunha gravación na que a avoa de Sara Faro e a tía avoa de María Soa. XOÁN REY

Varias artistas galegas coinciden en incluír, a modo de homenaxe, as voces das súas nais e as súas avoas en recentes cancións

02 may 2025 . Actualizado a las 17:08 h.

«A miña tatara-tatara-tatara-tataravoa estaría contenta se me escoita cantar», entoan Fillas de Cassandra nunha das súas cancións máis aclamadas. E o tema remata precisamente cunha gravación na que a avoa de Sara Faro e a tía avoa de María Soa falan precisamente das súas familias e da súa afección a cantar. «Elas forman parte de nós dunha maneira conceptual dun xeito importantísimo. Por toda a herdanza que temos delas. Así que nos apetecía moito que as súas voces puidesen aparecer xunto ás nosas para sempre. Non só para cando elas xa non estean, senón tamén para cando non esteamos nós tampouco», comenta María Soa.

«Elas transmitíronnos todo o que a elas lles transmitiron. Que nos falasen neses audios das súas nais e avoas para nós ten un valor incalculable. Que nos compartan a súa memoria é o máis importante».

Estarán entón contentas?, preguntámoslles. «Están, están. Ao principio dáballes un pouco de vergonza, pero agora están moi orgullosas. A miña avoa chuléase con todas as súas amigas» conta María.

Fillas de Cassandra inclúen en todos os seus concertos ese fragmento coas voces das súas avoas ao final de Tataravoa. «Escoitalas foi un agasallo incrible que nos deu esta xira. Emocionámonos un montón cada vez que soan. É como: 'Están aquí'».

Faia Díaz.
Faia Díaz. INÉS SALGADO

FAIA

Ao igual que fixera en Ao cabo leirín, no seu novo disco, Alvela, Faia rescata varios fragmentos sonoros do seu arquivo familiar. En Mixurriña, por exemplo, escóitase a súa nai —Tereixa Novo, unha das voces de Fuxan os Ventos— recitando unha peza a cabalo entre o xogo infantil e o arrolo. Tamén en Maruxiña pódese escoitar á avoa de Faia interpretando unha copla. E a canción que pecha o disco, Canta rola, é unha peza que o seu pai cantaba arredor dunha lareira nunha taberna da montaña de Lugo.

Explica Faia que, no caso da súa nai e da súa avoa, a necesidade de incorporar as súas voces ao disco tivo que ver «co vínculo coa maternidade, co familiar e co íntimo, que é unha cousa na que eu incido». Así, por exemplo, en Mixurriña «ten todo o sentido que ela puidese recitar o mesmo recitado que a ela lle recitaba a miña avoa. Porque, ao final, esa é a cadea de transmisión directa que algunhas persoas aínda temos a sorte de vivir».

Para Faia, esta querenza recente das artistas por incorporar as voces das súas nais e avoas pode ter que ver coa procura da identidade. «Pode que se estea empezando a cambiar o paradigma e que se estea empezando a valorar en positivo ese vínculo co pasado familiar. A min paréceme marabilloso que isto suceda».

BELÉM TAJES

No ano 1979 Dorothé Schubarth gravou en Arou (Camariñas) a voz dunhas mulleres cantando unhas coplas. Unha delas era Genara, a avoa de Belém Tajes, quen descubriu esta canción por casualidade. A partir de aí recuperou a gravación no arquivo do Patrimonio Oral da Identidade e incorporouna a Arou'79, unha composición propia coa que pecha o seu último disco, Amar o mar. «Cando lle dixen que a ía meter no disco, flipou moito. Pero como ela é unha diva de 87 anos, ao final está encantada da vida», comenta Belém, quen confesa que foi a súa avoa a persoa que lle inculcou a conexión coa música tradicional. De aí este agradecemento e esta homenaxe. «De nena pasei moito tempo coa miña avoa na aldea. Para min, recuperar a súa voz no meu disco é unha reivindicación dos seus coidados». Ademais de en Arou'79 a avoa Genara tamén puxo a súa voz na gravación de O Noso Canto, o manifesto sonoro feminista que Belém Tajes compuxo e dirixiu para o pasado 8-M.

HUGO GUEZETA

«Ao longo da túa vida tiveches os teus acertos e os teus erros, como todo ser humano. Os teus baixóns xa os tes superados, sempre reconducidos con dignidade. É unha das cousas que máis admiro de ti. A túa valentía [...]. Loitar é o que nos fai grandes». Con este texto escrito e recitado pola súa avoa, Teresa das Balbinas, ábrese O noso tempo, o primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta.

«Un día díxenlle que me tiña que escribir algo para o disco, que tiña un par de semanas e esa mesma tarde xa me tiña o texto», conta o que fora cantante de SonDaRúa, quen confesa un infinito orgullo polo feito de que a súa avoa fose capaz de escribir e gravar eses fragmentos. «Para min sempre foi un modelo a seguir na vida. Dáme moita enerxía escoitala». Tanto é así que todos os concertos de Hugo Guezeta arrancan coa voz da súa avoa, antes de que soe a primeira canción.

9LOURO

Tamén 9Louro comeza os seus concertos co audio da súa avoa Manolita, co que tamén se abre o seu disco de debut. «Gustoume moito como cantaste. Teño dous artistas na familia. Estou como quero», di Manolita, en alusión ao propio Martín Louro e ao seu irmán Xanma, un dos guitarristas e vocalistas de The Rapants.

Conta 9Louro que quixo que a súa voz soara no disco como unha homenaxe. «Meus pais traballaban de mañá e de tarde e eu crieime con ela. Para min é a miña segunda nai».

O videoclip de Dios me libre recolle a gravación do momento no que o músico lle ensina a canción á súa avoa. «Emocionouse e gustoulle moito. É verdade que está contentísima de ter dous netos artistas».

Tamén Camaño e Ameixeiras introducen a voz da avoa de Antía na canción que dá título ao seu último disco, Quitar o aire.

Ao remate do tema, Dolores Caamaño Pose recita un ensalmo para protexerse do mal do aire que a súa neta lle gravou directamente co móbil.

«Defuntiños todos, da mar e de terra e do mundo enteiro, dádelle un aire de vida a este enfermo, e tomade o de morto, que de morto non hai conforto...», recita a avoa nunha gravación caseira que a propia Sabela lle fixo co seu móbil e na que ao final tamén se escoita ao avó que sorprendido polo ensalmo solta un expresivo «carallo!».

«Fíxome moita ilusión que miña avoa gravara este fragmento», contaba Sabela, xa que para facer este disco houbo moita investigación previa a través de moitas fontes, entre elas tamén as máis achegadas. «As nosas avoas son protagonistas do proxecto en moitos sensos, e están presentes tanto nos procesos de creación coma nos concertos, e ata nos vídeos de marketing do noso merchandising».