No seu terceiro disco, o músico coruñés afincado en Gales David Miranda, resitúa a música pop galega nun tan infrecuente como oportuno rexistro
02 abr 2024 . Actualizado a las 12:51 h.Comeza Azul vindeiro, o terceiro disco de Devalo (Ferror Records), cunha sintonía ao máis puro estilo surf rock. Mais non tarda nin medio minuto en transmutar nunha cabalgada de afiadas guitarras e certeiros disparos de sintetizador que evocan as primixenias e emblemáticas bandas de pospunk británico dos 80 e ás súas posteriores e excitantes derivacións, menos escuras e máis electrónicas.
Tras Zombies en Londres, non se descabalga Devalo desa fusión entre o pop sintético e o rock eléctrico alternativo. En A idade do descontento asombra coa súa capacidade para crear magnéticas melodías pop de ida e volta sobre un substrato de guitarras que faría as delicias dalgúns dos gurús do indie español.
Como se dun intenso mashup entre The Psychedelic Furs e The Jesus and Mary Chain se tratase, Devalo sosega os beats, que non a emoción, en Rachí para retomar os riffs sangrantes e as letras escuras en Cíclica historia universal da infamia, o tema máis acedo do álbum. Chegados a metade do disco, e por se a alguén lle quedaba algunha dúbida, Devalo deixa claros os seus postulados esencias en IRL, un tema no que as guitarras enfurecen fronte a un bombo desatado. Puro vertixe. Tralo que asoman oito minutos de certo sosego en forma de dúas delicias pop tituladas Bastilla e Natureza case morta.
Máis non está Devalo pola labor do sosego neste Azul vindeiro, así que de seguido arranca cun ritmo desenfreado pero sen desprenderse nunca do seu afán melódico Lixivia, un tema a cabalo entre o tecno (sen hache intercalada), o electro e o pop. Pfeilstorch amósanos o Devalo máis complexo e profundo, nas harmonías, nas líricas, na propia arquitectura da canción e mesmo nos coros.
E reserva Devalo a gran dose de desacougo emocional, que non podía faltar nun álbum seu, para o final con Desextinción do ser, un tema que xustifica as palabras do músico cando di que «este non chega a ser, aínda, un disco optimista». Pode que non, pero é un disco sobresaínte co que Devalo, o proxecto do coruñés afincado en Gales, David Miranda, sitúa á música galega nunha inusual dimensión e nun tan infrecuente como oportuno rexistro.