Publicou o seu primeiro disco a semana pasada e hoxe colga o cartel de «entradas esgotadas» na Capitol. É moito máis que unha revelación
13 oct 2023 . Actualizado a las 12:52 h.Neste tempo tan propicio ás mensaxes tramposas, cando non tendenciosas, non sempre é doado dar con eles, pero hai sinais inequívocos que convén ter en conta porque nos sitúan na pista certeira do que está a pasar. Que un artista que vén de sacar o seu disco de debut, Ardén, a semana pasada, teña as entradas esgotadas dende hai días para o seu concerto de hoxe na sala Capitol de Santiago, é un deses sinais.
Certo é que Mondra (Martín Mondragón, Teo, 2000) é un artista excepcional. Cantante, bailarín, pandeireteiro... Un rapaz de ollos escintilantes e espertos e de corazón feiticeiro. Cun poder de magnetismo abraiador. Cun discurso indómito e unha empoderada estética. Pero é que hai un ano pouco máis se sabía del que que formara parte do elenco do espectáculo DeMente, da compañía de Fran Sieira, e que gravara un tema, Aghrúuu, como proxecto de fin de carreira. E hoxe é un dos grandes activos da música galega. Capaz de aglutinar e fascinar a un espectro amplísimo da mocidade, de gañarse de inmediato o respecto de grandes artistas galegos —tanto do ámbito do tradi como do pop—, e cunhas posibilidades de proxección —dentro e fóra de Galicia— incalculables.
—Cantas veces tes pensado nestes días «por que a min»?
—Non, iso non o penso. Porque teño a seguridade de que este é o meu lugar. Isto non é algo casual. Eu levo moitos anos traballando para nun momento dado poder facer o meu proxecto. Levo vencellado ao mundo da danza e da música tradicional moito tempo e fóronse dando unha serie de circunstancias moi lindas que me trouxeron ata aquí.
—Que buscas, como te queres proxectar no futuro?
—Busco poder vivir da música, que non é pequena ambición. Teño moitas gañas de experimentar a nivel musical e Ardén é unha carta de presentación. Eu medrei na música tradicional, pero tamén nun mundo globalizado, escoitando unha chea de música contemporánea. Ao final, todas esas influencias converxen e dan como resultado o que saíu agora. Pero agardo que musicalmente haxa unha evolución. Quen sabe se a música tradicional será o elemento central ou me apetecerán outras cousas.
—Porque tes a sensación de que en «Ardén» non é o elemento central?
—Si, si. Clarísimo. Ardén o que busca é un diálogo constante coa música tradicional. Cun matiz importante. Eu non inclúo a música tradicional nun proxecto contemporáneo, senón que eu veño da música tradicional e fago un proxecto contemporáneo. Eu quero contar o que a min me pasa no 2023 a través da música tradicional. Por iso ten ese ton. Eu non falo de «vou segar a unha leira». Que podería. Pero non é a miña vida. Eu o que fago é recorrer a arquivos sonoros, coller as cantigas e adaptalas a este momento. Pero por crear unha narrativa propia e coherente. Non co obxectivo de conservar nada. Para min a tradición está viva e eu vívoa desta maneira.
—Tiveches que tirarlle moito das rendas a Berto, o produtor do disco, para que a vertente electrónica non se impuxese sobre a tradicional?
—Tirámonos das rendas os dous. Berto vén do pop. Entón, claro, a el estoupáballe a cabeza con algunhas estruturas coas que estou moi familiarizado. Pero, por outra banda, eu tendía a facer de Ardén un disco moito máis escuro e Berto sóubolle sacar esa parte máis festiva, máis de celebración.
—Ves hoxe algo máis moderno e subversivo que a música tradicional?
—Na relación da miña xeración coa música tradicional houbo unha ruptura porque os modos de vida tamén cambiaron. Pero pensar que porque houbo un corte nós xa non formamos parte desa tradición é un erro. Di Castelao que a tradición é a eternidade e eu non podo estar máis de acordo. Para min a tradición é como eu a vivo, como fago que esta música sexa parte da miña vida. Porque é unha música popular, unha música da xente. Entón, eu síntome no dereito de cantar esas melodías e de contar o que eu quero contar con elas. Penso que en Galicia aínda temos un concepto demasiado arcaizante da nosa música.
—Tiñas claro dende o primeiro momento que o proxecto tiña que aglutinar todo o que aglutina: a parte electrónica, a orgánica, o canto, o baile, a estética...
—Si. Dende o primeiro momento. Como me quero proxectar como artista é algo que eu sei dende hai moito tempo. Tiña moi claro que o musical era o centro pero que o visual e o performativo tiña que estar tamén moi presente.
—Nesta inmersión acelerada que fixeches na industria musical, que che está sorprendendo para ben e para mal?
—Para ben, que existe moita afinidade entre os músicos. Xente que leva moitos anos chega onde ti, que estás emerxendo, e diche: «Aquí estamos para o que precises. Gústame moito o que fas». E para mal, que nos falta moita estrutura, moita solidez para aspirar ao que debería ser o noso obxectivo: ser autosuficientes. Para que as músicas galegas sexamos as rockstar galegas. Para que sexamos o mainstream aquí. Que o que a xente máis queira ver, sexa un produto galego.
—Es ardente?
—Son ardente, por suposto. É ardente todo o mundo que queira entrar en Ardén e ruar con nós...
—Es tímido?
—Podo selo, si. Pódenme impoñer moito algunhas situacións. Pero non son tímido nun escenario
—Es apaixonado?
—Moito. Se non, non escribiría letras como Beijos de LK (sorrí con malicia).
—Considéraste un provocador?
—Non, para nada. Porque os relatos que constrúo veñen do que eu son. Non che vou negar que son consciente de que xogar con certa provocación e coa picardía é un gancho e que ás veces emprego esas ferramentas. Pero provocador non, porque provocar nunca é o obxectivo central.
—«Marmuraron» moito de ti?
—Marmuraron, si. O mundo do folklorismo en Galicia é un pouco complicado. Eu medrei nel, xa con aspiracións de ser músico, e sentinme moi rebaixado. É un mundo moi hostil, deixémolo aí. Saco de pulgas vai dedicada a esa xente.
—Como era o neno Martín?
—Eu tiven a sorte de medrar con moita seguridade. Sufrín acoso no instituto, pero non houbo nada que a min me impedise intentar o que eu me propoñía. Ás veces conseguíao e ás veces non. Foi diferente cando aos 18 anos me metín nese mundo hostil da música tradicional que me fixo sentirme moi pequeniño. Eu non me sentira así nunca e custoume moito desprenderme daquela sensación.
—Como estás hoxe de seguro para enfrontarte por exemplo, á fama?
—Aínda non son moi consciente diso. Si que empezas a camiñar pola rúa dun xeito diferente. A xente mírame e non sei se é por como vou vestido ou porque me recoñecen. Supoño que terei que habituarme. Forma parte do meu traballo. É cuestión de asimilalo con moita, moita calma.
—Dis que o disco é un canto ao amor libre. En que sentido e ata que punto?
—Ardén é a terra dos afectos, do amor e da sensualidade. Eu falo moito de diversidade afectiva e diversidade sexual. De rachar coa estrutura heteronormativa. Ao final, Ardén son todas as cousas que a min me identifican e para min o relato LGBTI é moi importante. Pero non é un relato buscado.
—Preocúpache que che encadren na escena ou na comunidade «queer»?
—Eu escribo dende esa comunidade, pero porque forma parte da miña identidade. En ningún momento eu pensei en dirixirme especificamente á escena queer. De feito, para min foi moi sorprendente que me programasen en tantos espazos orgullosos. Para nada busco ser referente desa comunidade. Simplemente formo parte dela. E aínda que é obvio que teño un público queer moi importante, creo que o meu público en xeral é moi diverso.
—Nalgunhas das cancións do disco falas da saúde mental e dos coidados. É o máis grande risco para a vosa xeración?
—Sen dúbida. Para min, é un dos eixos do meu discurso porque sinto que aí si que teño a responsabilidade de apelar á miña xeración. Fixen un voluntariado como educador e vin como chegaban os rapaces de 12 e 13 anos. Mete medo. Cheos de ansiedade, de complexos, de medos sociais... E non é casual. Ten moito que ver co mundo no que vivimos, co ritmo que levamos, coas presións que se exercen sobre eles, coas expectativas que se lles impoñen: tes que estudar, ter o teu traballo, tes que casar, ter unha familia... Parecen cousas moi antigas, pero aí están. E xa que teño un pequeno altofalante, sinto que teño que chamar a atención respecto desa cuestión.
—Como te protexes ti diso?
—Eu tiven que aprender a autocoidarme. Eu non sabía facelo. Estaba metido nese bucle de rapaz novo que está facendo vinte mil cousas ata que chega un momento no que a cachola non dá. Autocóidome regresando aos meus espazos de acubillo: as amigas, aos paseos, á montaña...
—Como é para ti un día perfecto?
—Agora mesmo un no que poida descansar [ri]. A min gústanme cousas moi simples. Iso que che digo: quedar coas miñas amigas, que son as que me poñen os pés na terra, ir de paseo... Gústame ir facer rutas á montaña. Para min o día perfecto sería ir aos Ancares, facer unha camiñada coa miña xente querida, comer e durmir.
—Vouche citar algúns nomes propios e disme o primeiro que se che veña á cabeza: Mercedes Peón.
—Un antes e un despois.
—Sés.
—Un referente da miña infancia.
—Tanxugueiras.
—Un paso máis para a música en galego.
—Rodrigo Cuevas.
—[Queda un bo tempo en silencio] É que para min é un dos meus máximos referentes. Ao que máis importancia lle dou de Rodrigo é a como é capaz de estar na música manténdose fiel ao seu modo de vida.
—Beyoncé.
—Unha diva. Para facer un show 360 é o referente de todo o mundo, non?
—Berto.
—Berto é, por enriba de todo, amigo.