A aceptación

Ramón Nicolás

FUGAS

O escritor Riveiro Coello.
O escritor Riveiro Coello. MARCOS CREO

22 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Antón Riveiro Coello é un dos narradores máis brillantes entre nós e que exhibe un ricaz e suxestivo percorrido creativo é, a meu entender, unha afirmación que está fóra de toda dúbida. Neste ronsel sitúase, desde hai poucas semanas, Hotel Carioca: proposta que foi galardoada na primeira edición do Premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2022.

Riveiro deseña nesta novela, de grande alento e probablemente unha das máis persoais do autor pois parecen talvez desvelarse polas súas páxinas experiencias e vivencias propias sometidas á peneira da ficción, unha arquitectura que consegue que vaiamos, aos poucos, internándonos nesa visión panorámica, case panóptica, que facilita a revelación dosificada de varias subtramas felizmente enguedelladas entre si, entre as que cómpre salientar a que amosa unha preocupación de índole metaliteraria que soluciona, como era de esperar, con efectividade. Coma se fosen varias novelas á vez, e de feito así é ao atoparmos ecos da novela psicolóxica, de formación ou mesmo policial, circula nestas páxinas sempre unha voz narradora que reflexiona sobre a aceptación da diferenza grazas ao deseño duns personaxes solidamente construídos nas súas virtudes e nos seus defectos. Dise ás claras grazas a un interlocutor que opera nunha sempre difícil segunda persoa: «A aceptación, a maldita aceptación que agora se cravou no centro do teu cerebro e parece estar a condicionar todas as cousas que te rodean». Ese fondo, ou esa obsesión, paira en toda a novela nun abano temporal que abrangue dos 80 ata hoxe e outro espacial que nos sitúa quer en Galicia quer en Brasil. Estes eixes sosteñen unha proposta que se interna en conflitos de orixe familiar e que, ao tempo, proxectan a súa sombra de desacougos, silencios e incógnitas a quenquera que se achegue a ela. As consecuencias das mentiras, a emigración, os coidados, o espertar da sexualidade, o dereito á diferenza, a presión social, as ausencias que provocan as perdas, a eutanasia ou a capacidade da fabulación e da ficción para crear mundos que semellan inverosímiles pero que non o son, resultan, igualmente, esteos afortunados que constrúen unha novela redonda dun autor dono dun extraordinario oficio.