As metáforas e os vicios

FUGAS

Vázquez Montalbán.
Vázquez Montalbán. XOAN CARLOS GIL

Escoitei un faladoiro radiofónico onde un comentarista elevaba o ton para dicirlle a outro: «Estás fóra da realidade». O opoñente interpretouno coma unha ofensa, case un insulto, pero a min pareceume o recoñecemento dunha necesidade moral: situarse fóra da realidade imposta polo último vento reaccionario, habitar unha zona a salvo da barbarie, vivir á marxe da contaminación en curso. Estar fóra desa realidade, por exemplo, dos que hoxe elevan ao poder a difusores do Plan Kalergi, unha teoría da conspiración filonazi que describe un suposto proxecto que estaría a promover, dende os anos 70, a desaparición da raza branca. Estar fóra desa realidade que coloca negacionistas da violencia de xénero en postos de responsabilidade pública. Estar fóra desa realidade que deshumaniza a quen non comparte o seu supremacismo. Non rozar nin un milímetro desa realidade. Asexala dende as antípodas, a anos luz do seu influxo, sen atravesar a súa porta. Combater sempre esa realidade dende un mundo paralelo, nunca camiñar dentro dos seus límites, opoñerlle metáforas furiosas. Impugnala dende unha galaxia orgullosa e lonxana, cargada de razón. «Es bueno sentarse entre amigos y vasos / a observar cómo todos abandonan algo suyo / en la música que los impulsa y transforma en seres sin huesos / mientras la noche trepa por los muros», escribiu o poeta chileno Rolando Cárdenas. Abandoneime aos amigos e aos vasos mentres a noite de San Xoán gabeaba polos muros de Compostela, entre Vista Alegre e San Pedro, un tipo de realidade na que sempre quero estar dentro. As cacharelas erguían sombras eufóricas polos barrios, concitaban a simpatía do futuro. Amigos e vasos: grandes protectores. Sentinme amparado entre os meus veciños, fóra desoutra realidade tan atroz que propagan os divulgadores de gases tóxicos. Vin xente que traía os ollos afervoados polo lume, xente que saltaba, xente que bebía e quería arder, xente que gozaba do tesouro da divagación, da conversa sen rumbo, dos sentidos figurados, de pequenas perdicións. Xente da mellor realidade. Xente que non odia, xente igual e diversa. A praza onde me asaltou o derradeiro treito da noite foise enchendo dunha ebriedade benévola que, dende as orixes da humanidade, chama a imaxinar outro mundo posible. «En tempos de crise de certezas e dogmas, que sería de nós sen as metáforas e os vicios?», preguntábase Vázquez Montalbán.