Santiago Marcos: o home-toupa que escribía

Ramón Nicolás

FUGAS

23 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor e ensaísta Claudio Rodríguez Fer, director da cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago, onde dirixe igualmente a revista Moenia, ofrece un novo ensaio, ao meu ver, de extraordinario interese, pois nel conflúen tanto unha sorte de deber ético contraído coa figura e obra literaria de Santiago Marcos, con quen mantivo correspondencia e resultaba unha persoa moi próxima na súa contorna familiar pois fora íntimo amigo do seu pai como, por outra banda, a necesidade de rehabilitar a memoria dun mestre nos tempos da República que tamén foi poeta comprometido e de quen se incorporan nestas páxinas varias composicións en poder do profesor lucense que xa nolo desvelara nas páxinas de O muiñeiro misterioso (Tórculo, 2005). Explóranse neste libro, así pois, as dimensións estritamente biográficas de Santiago Marcos, isto é, as súas orixes, a contorna familiar, os estudos de Maxisterio e os seus días como docente na República, mais, sobre todo, o feito de estar vinte e dous anos agochado nunha adega desde o comezo da guerra ata o ano 1958 ao entender que a vontade liquidacionista do novo réxime apuntaba sobre todo aos docentes comprometidos coas causas da liberdade. É nese agocho onde escribiu unha ampla obra poética da que aquí se dá conta —de aí a denominación que recibiu como «poeta topo», vertebrada aínda que non unicamente no seu pensamento antifascista— e que anos máis tarde ampliaría para publicar dous volumes en edición de autor. Todo isto tras un período en que viviu exiliado en París para, finalmente, retornar a Roales de Campos (Valladolid), onde transcorreu a súa existencia sen volver exercer nunca o maxisterio e sometido a un esquecemento xeneralizado. Alén diso, cómpre non ignorar a análise concienciuda da estética que Marcos cultivou e que se aborda nestas páxinas, inspirada en metáforas realistas que adoptan as formas de quintillas, romances e sonetos.

Un volume que, por extensión, recupera a memoria de tantas e tantas persoas obrigadas a agocharse na guerra civil —algunhas delas ata a década dos anos sesenta e setenta— para salvagardar a integridade persoal. Entre aquelas estaba Santiago Marcos, mestre republicano, poeta campesiño e clandestino case toda a súa vida.