
Don Paco foi tamén un mozo con intereses propios da súa idade que, como contan as crónicas, engaiolaba co uso da oratoria, mais sabía do poder que podía atesourar a palabra escrita
12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Revisando as colaboracións xornalísticas de Del Riego na prensa republicana, esparexidas nunha cantidade inxente, un decátase de que a maioría delas están dominadas pola fidelidade a unha idea que abrazou desde novo: pórse ao servizo do seu país. Difundía nelas as trabes que sostiñan a doutrina política derivada das Irmandades da Fala; outras apuntaban cara á análise da política do momento e aínda outro grupo guiábase pola intención —como alumno e profesor— de galeguizar a Universidade de Santiago. En menor medida, alimentábaas igualmente con textos articulados sobre literatura e novidades editoriais, asuntos polos que tanto transitaría na posguerra. Neste sentido, sorprenden pola temática, tonalidade e feitura dúas colaboracións publicadas nun suplemento cultural que en Ourense codirixiron no ano 1933 o poeta e mestre Manuel Luís Acuña e Xoán Luís Ramos Colemán, galeguista e posteriormente notario.
Eses textos revelan o que tamén don Paco era naquel momento, alén dese activista convencido. Un mozo de vinte anos que, como é natural, abrigaba outras esperanzas que apuntaban a asuntos de índole privada situados na orde dos sentimentos. Dalgún xeito, estes artigos son unha rara avis na súa produción pola súa singularidade e por asomarse a ámbitos de carácter moi persoal. Neles, así pois, latexa unha voz espida, dominada por un ton que abala entre o melancólico e o sentimental.
O primeiro dos textos parece escribirse desde Compostela, onde as ausencias o obrigan a ver certas realidades doutro xeito; o outro xéstase no verán de 1933, na vila de Boiro, onde pasaba uns días de descanso na casa dos irmáns Martínez López.
Así pois, en agosto de 1933, dá a coñecer unha colaboración baixo o título «A derradeira imaxe das ausencias», e coa cabeceira «Saudades», dedicado «A Evely, lavandeira leda», claramente Evelina Ervella, coa que casaría sete anos despois. Ateigado de referencias líricas, exhibe un manifesto ton melancólico e soidoso. Estruturada en catro partes cun carácter circular, escríbese desde unha distancia que vai máis alá do físico e en plena soidade. Confésase como unha «alma en penitencia» que anda á procura doutra no que chama unha «estadea de somas». As citas ou referencias literarias son recorrentes e van de Bernardim Ribeiro —con quen dialoga desde o epígrafe, pois a novela máis coñecida deste é Saudades, título real do seu Menina e Moça— pasando por Husset ou Pina de Morais. O abatido estado de ánimo fai que entenda, por fin, a «sinfonía de séculos na paisaxe de granito» que é Compostela, sometido a un pesimismo que non é de «Leopardi, nin de Schopenhauer, de Recanau nin de Nietzsche», antes ben, un pesimismo sinxelo «con recendo de nostalxias».
Na segunda prosa, cunha cabeceira bautizada como «Boiro» e baixo o título de «Cinza de ollares consumidos», percorre eses mesmos motivos cun maior peso descritivo e alta capacidade metafórica. Dedicado a «Carmiña, Pura, Lulú, Rosiña, Elena, Maruxa, Concha e Visita», articula, a xeito de ladaíña, un canto nostálxico polo mar inspirándose nun solpor boirense que arrastra evocacións de posibles estados do mar e, por extensión, do ánimo persoal para concluír sentenciando que é alguén que ten preferencia por un «soio mar» e unha «soia muller». Á espreita de «recordos e degaros» conclúe unha composición infrecuente e que revela expectativas dun mozo que, cando a ocasión o esixía, sabía usar a palabra para convencer e engaiolar.