O mapa galego da vida de don Paco

FUGAS

-

Dende a natal Vilanova de Lourenzá, pasando por Monforte de Lemos, Lugo e Compostela, ata a súa cidade de acollida, Vigo. Esta foi a Galicia pola que pasou o homenaxeado neste Día das Letras

14 may 2023 . Actualizado a las 21:37 h.

seu lugar no mundo foi Vilanova de Lourenzá. Alí naceu Francisco Jesús Benito Antonio Fernández del Riego o 7 de xaneiro de 1913, un neno que nun contexto dunha España pobre e con moitas necesidades foi quen de ter unha infancia feliz. De feito, así era como lle recordaba aqueles anos á profesora e investigadora, ademais de compañeira e amiga, Blanca-Ana Roig Rechou: «Dicía que el fora un neno feliz, que xogaba moito cos amigos ao fútbol. Tamén tiña a súa avoa e a un tío que lle ensinaban moito. E aínda que pertencía a unha familia acomodada, viu de preto a necesidade». Ao pé do mosteiro de San Salvador, na provincia de Lugo, naceu e fixo os seus primeiros estudos Francisco Fernández del Riego, Paco del Riego, (don) Paco ou Paquiño, nunha vila da que pronto marchou para poder seguir formándose e dende a que iniciou unha peregrinación por outras cidades galegas que, a día de hoxe, aínda gardan algo de don Paco. En Galicia está o mapa da súa vida.

Ese primeiro sitio importante para este neno de Vilanova de Lourenzá comeza en Monforte de Lemos, logo de examinarse en Lugo dos estudos secundarios. Os seus pais, Vicente e Amanda, mandárono interno ao colexio dos Escolapios para facer o bacharelato. Alí, conta Roig Rechou, Del Riego xogou ao fútbol cos compañeiros e leu moitísimo, tanto que os frades prohibíronlle a lectura, preocupados que estaban pola súa saúde. Pero el, como puido, atopou o xeito de seguir lendo e pasou as probas universitarias cunhas moi boas cualificacións.

Os seus soños

Sempre quixo ser escritor, por iso lía e escribía tanto. Comezou a facelo na adolescencia, publicando primeiro en revistas escolares como Páginas Calasancias, no semanario mindoniense Vallibria e nos xornais La Región e La Voz de la Verdad, textos nos que falaba de lendas ou presentaba experiencias que el vivira en excursións ou festas. O outro soño de don Paco era Galicia e a lingua galega.

O itinerario segue en Madrid, a onde marchou para estudar a carreira de Dereito, por petición de seu pai, Vicente. Chegou a un Madrid en ebulición xa cunhas ideas republicanas, e alí participou en mitins e fixo novos amigos. Foi onde realmente comezou o seu traballo por e para Galicia e os galegos. Conta Blanca-Ana Roig Rechou na súa publicación Paco del Riego. Un home irrepetible que o detonante foi unha discusión que tivo cuns compañeiros que dicían que os galegos eran parvos. «Empezou a ler a Teoría do Nacionalismo Galego, de Vicente Risco, a Rosalía de Castro, a Manuel Curros Enríquez... Así foi como se formou», subliña.

Amante da música tradicional e do bo comer, recorda Roig Rechou, era un home activo e moi traballador; unha persoa extraordinaria e un modelo para a súa xeración. «Traballaba por Galicia, pero tamén vivía. Un home irrepetible. En pouca xente vexo a capacidade que tiña el para facer todo o que fixo», afirma.

Ao volver á casa polo verán, deu un mitin no Concello e sacou a bandeira galega para celebrar o 25 de xullo, Día de Galicia. Houbo pandeiros e gaitas. «A festa foi sonada», di quen foi amiga. E xa non volveu a Madrid. A familia, como tiña moitos fillos que estaban estudando, marchou a Santiago para aforrar. Don Paco seguiu alí coa carreira de Dereito, á que engadiu a de Filosofía e Letras. Compostela foi tamén a cidade na que namorou dunha rapaza que estudaba Ciencias Químicas, Evelina, e onde comezou a traballar como profesor. «Alí foi feliz. Meteuse na creación das institucións máis importantes e ocupou cargos no Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, Ultreya, Galeuzca e a Asociación de escritores de Galicia. E que pasou? Que veu a guerra. Ningunha opción era boa, pero foi o que tocou», conta Roig Rechou.

Del Riego, primeiro, tivo que deixar de dar clase e andou agochado por Compostela en casas de amigos para evitar o castigo. «Ao pertencer a unha familia moi unida, decidiu non marchar fóra. Ademais, el era entusiasta e sempre pensaba que as cousas ían saír moi ben», explica. Pero nesa situación, onde as únicas opcións posibles eran o exilio ou alistarse no exército, elixiu a segunda. Claro que en contra da súa vontade.

Cando rematou a guerra marchou a Vigo, onde estaría máis seguro que en Santiago. O lugar onde remata o seu percorrido vital por Galicia, onde formou a súa propia familia con Evelina e viviu tamén logo da morte de seu pai coa súa nai e irmáns máis pequenos. Na cidade seguiu na mesma liña que antes da guerra, explica Roig Rechou, a pesar de todos os perigos que corría. «Cando viu que a ditadura ía durar máis do que se pensaba, optou pola parte cultural», lembra.

A identidade galega

Foi aos faladoiros con máis sona de Vigo (Suevia, Savoy e Derby) e seguiu escribindo en xornais, esta vez baixo os pseudónimos de Salvador Lorenzana, S. L., Alevín, Adrián Soutelo, Adrián Solovio, Cosme Barreiros, Lorenzo Salvador e Ronsel. Un dos medios cos que colaborou Del Riego ata case o final da súa vida foi La Voz de Galicia, onde tivo que facelo, nun primeiro momento, en castelán. Nos artigos abordaba cuestións culturais, artísticas ou literarias, sempre loitando para que se recoñecese a Galicia e ao galego.

Un home que Blanca-Ana Roig Rechou lembra como cariñoso, simpático e agradable, «cuns ollos que te animaban a falar e a confiar nel». Ela coñeceu a don Paco cando estaba estudando na facultade, e o que primeiro foi a persoa que lle axudou coa súa tese, rematou converténdose nun amigo. O libro que publica a profesora baixo o título Paco del Riego. Un home irrepetible polo Día das Letras Galegas deste 2023 era unha débeda que tiña con Paquiño, como ela lle chamaba, «cun home vivo, que non daba cátedra». É a súa forma de facerlle un cariño e de devolverlle dalgún xeito todo o que lle ensinou. «Fíxonos comprender o que é o galeguismo e a defensa de Galicia, pero a facelo compartindo, sendo solidarios e atraendo a xente, non separándoa», subliña. No libro, Roig Rechou vainos guiando pola Galicia que marcou a don Paco, polas cidades que debuxan o mapa da súa vida.