A longa pegada de don Paco polas rúas de Vigo

FUGAS

Del Riego e Díaz Pardo na Fundación Penzol no 2006.
Del Riego e Díaz Pardo na Fundación Penzol no 2006. M. Moralejo

A Alameda, a praza da Constitución, o antigo café Derby, as praias de Coruxo, Balaídos... foron escenario dunha intensa vida na urbe

12 may 2023 . Actualizado a las 10:28 h.

No ano 1939, con 26 anos, Francisco Fernández del Riego chegaba a Vigo para quedar. Na biografía escrita por Xosé Luís Franco Grande que Ir Indo vén de reeditar coas achegas de Anxo Rajó, pódese ler: «De sempre, o cariño que sentiu Fernández del Riego por Vigo foi abondo, sen dúbida tan fondo como o que a cidade tamén lle manifestaba, cando menos dende o sector cultural que agromaba por aqueles anos na cidade olívica». Tiveron que pasar unhas cantas décadas para que ese recoñecemento tomase forma física. En 1993, a corporación municipal acorda que unha praza da cidade ten que levar o seu nome. Pensou don Paco que nunca o vería, pero equivocouse. No verán do ano 2000 a cúpula da nova praza Elíptica bautizábase como praza Francisco Fernández del Riego, que miraba á posteridade dende un busto de ferro firmado polo escultor Álvaro de la Vega. «Levo 61 anos vivindo aquí e síntome reflectido nela e nos seus problemas», dicía entón. É que o perfil de don Paco, home de branca cabeleira que a Franco Grande lle parecía un senador romano paseando por Príncipe, era perfectamente identificable cando camiñaba con pisada firme e lixeira polas rúas dunha cidade que foi cambiando ao seu paso, como a súa pegada mudou sosegada co peso dos anos. Lonxe quedan os tempos nos que conforma un grupo de intelectuais e artistas (Laxeiro, Maside, Paz-Andrade... que no inverno se reúne a diario no Café Derby, e os luns no Savoy, con médicos e avogados. A mirada atópase con fotos de Del Riego na praia, coa súa dona, a farmacéutica Evelina Hervella Nieto, bronceados, en Coruxo, onde alugara unha casiña de pescadores á beira do mar; ou con amigos, deitado nunha hamaca na praia da Calzoa, onde remata o areal de Samil. As crónicas lémbrano unha e outra vez acudindo aos partidos do Celta en Balaídos, co seu cigarro, malhumorado cando o marcador non anotaba a vitoria ao seu equipo. Intelectual, si, pero tamén amigo doutros praceres comúns e mundanos. Nunha entrevista que publicou La Voz de Galicia en 1998, contaba que dedicaba catro meses ao ano a facer doce quilómetros diarios por Praia América, concretamente, como home de costumes fixos, entre as 10 e as 12 da mañá. Na mesma publicación sinalaba, crítico, o seu crecemento aloucado: «Cando cheguei a Vigo no ano 39, a rúa Marqués de Valladares era un solar. Estaba sen facer a Gran Vía. Eu non son experto en urbanismo. Fixéronse tantas barbaridades na cidade que calquera cousa é posible». Tamén recoñecía que o seu recanto favorito era o Casco Vello. Non era para menos, xa que alí se atopa o edificio no que seguramente pasou máis tempo que na súa casa da praza de Compostela, con vistas ao magnífico xardín vigués.

De casa ao traballo

Mentres que de recén chegado a Vigo confesa que se botaba a vagar sen rumbo fixo polos recantos da cidade, nos seus derradeiros anos, don Paco xa soamente vai de casa ao traballo, do traballo a casa, devagar.

No libro de memorias Camiño andado, que publicou a editorial Galaxia no 2003, cando Del Riego xa sobrepasara a barreira dos 90 anos, conta: «Está a soar a hora de me ir retirando silandeiramente. Ningún sitio mellor para ese retiro que a Biblioteca Penzol. A mente sostense viva, lúcida. Pero os ollos van gastos, e envellecidos os ósos. Con todo, continuarei achegándome, aínda que paseniña e traballosamente, ás nove de cada mañá ó querido local na Casa Galega da Cultura».

Desde o seu despacho con vistas á praza da Constitución, don Paco subliñaba a firme decisión de seguir abrindo as portas do balcón para ollar «o anaco de mar» e «ós vigueses que camiñan cara ós veciños cafés nos que van sentar antes de se reincorporar ó traballo».

Cando, con 82 anos, entregou á cidade que lle ofreceu acubillo toda a súa biblioteca e as obras de arte atesouradas ao longo da súa rica vida cultural (25.000 libros e pinturas e esculturas dos máis destacados artistas galegos), Fernández del Riego tiña claro que era pouca cousa comparada co que recibiu. «É un pouco do que Vigo me deu a min», expuxo.