Jasper, exlíder de Nao: «Loita Amada podemos ser a canción protesta do século XXI»

FUGAS

-

A voz e guitarra da banda extinta alíase coa pandeireteira Nébeda Piñeiro para describir un xiro de 180 graos no seu regreso á escena galega

23 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres anos marcan o tempo transcorrido dende que Nao puxo punto final á súa carreira. A moitos sorprendeulles, naquel decembro do 2019, que a banda mandase parar no seu mellor momento, coa escena galega aos seus pés, traspasadas con moito as lindes metálicas que nalgún intre puideron restrinxir o seu público. O novo proxecto que pilota Jasper, voz e guitarra naoísta, encerra a mesma capacidade de asombro. Loita Amada, froito da súa alianza coa cantante e pandeireteira Nébeda Piñeiro, constitúe unha procura consciente e premeditada de rexistros moi distintos, próximos á música tradicional, sen perder un chisco de potencia ou compromiso. Viva a Loita Amada Revolucionaria é o seu primeiro traballo. Dez temas e un grupo que en febreiro comezarán a xirar polo país.

­—A bote pronto, ninguén diría que esta colección de cancións xorde da mesma fonte que Nao. Había algo que puidese albiscarse nos últimos discos?

—Eu compoñía cunha guitarra clásica ou cunha acústica, e tiña moitas cancións de autor ao longo destes anos que non se usaron para Nao. En Nao botaba algo en falta. Que nos definía como galegos, máis aló da lingua? Nin instrumentos nin ritmos nin melodías tradicionais. Non nos criamos na tradición, e eu menos, aínda que nalgún tema puidésemos tirar cara aí.

­—E así aparece Nébeda na ecuación.

—A ver, eu quería ese matiz máis tradicional. Falando con Olaia [Maneiro, de Tanxugueiras, a compañeira de Jasper] xurdiu a idea de Nébeda, profesora de canto e pandeireta, unha rapaza que, ademais, viña aos concertos de Nao. O resultado foi flipante. Ten un timbre que empasta co meu ata o punto de que ás veces nin se distingue quen canta. Tampouco quería un proxecto en solitario. Eu creo no colectivo e en aprender dos músicos cos que traballo, deixarme empapar dese repertorio que ela trae. O que os dous queriamos facer coincidía á perfección. Nébeda representa calidade, compromiso, humildade, confianza no proxecto e un apoio fundamental que eu precisaba.

­—Logo dos primeiros temas que se foron lanzando, xurdiu unha etiqueta na que resoan tempos e actitudes moi distintos aos actuais. Canción protesta.

—Este é un disco feito no estudo. A xente de Xónix Récords chamou para un contrato dun disco no que eles poñerían os músicos e querían darlle o seu matiz, sempre baixo a miña tutela. Isto é algo ao que os artistas non están afeitos, pero eu me deixei levar ao 99 %. Leváronme a espazos aos que eu xamais iría. E o disco medrou, aínda que tiña dous medos: que as cancións fosen aburridas e que fosen moles.

—Medos xustificados?

—Para nada. O retorno que me está a chegar da xente é moi bo. Quen me coñece espera de min música con forza. E Loita Amada ten esa forza, sen necesidade de distorsión, cun estilo que en Galiza non se fai, un estilo con discurso de país que mama da tradición, pero mira cara adiante, navega e transita cara a novos espazos. Un proxecto con moito futuro.

—Non é Nao.

—Non, pero a xente xa sabía que non o ía ser. Logo de catorce anos con Nao, cunha traxectoria longa anterior con Xenreira, A Matraka Perversa, coa que faciamos pachanga, ou a tralla de MxDxR, creo que de min se pode esperar calquera cousa. Aos 43 anos non teño prexuízos.

—Volvamos á canción protesta.

—Penso que dalgún xeito agrupa os territorios tan distintos que tocamos neste disco. E no fondo estamos reivindicando a xente que propiciou que realmente se camiñase cara a unha situación democrática no noso país, de defensa da lingua e da cultura. Voces Ceibes, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos... Loita Amada podemos ser a canción protesta do século XXI.

—Obviamente, a loita constitúe un concepto central. Pero como se loita hoxe?

—Dende logo non co teléfono. Estamos enganchados ás pantallas. A xente fai o 99 % da vida no móbil e nas redes sociais. E así nos meten goles por todas partes mentres nós protestamos polo teléfono. Non. Protesta na rúa, na túa empresa, no ambulatorio, diante da consellería. Defende os teus dereitos dende o instituto ata a universidade. Hai que estar organizados. A nosa forza vén do colectivo e de estarmos unidos. É unha alienación absoluta.

—E como se plasma todo isto no directo?

—Iso ten a súa chicha. Temos dous formatos, un quinteto e un octeto, con paridade. Catro mulleres e catro homes. Sona de vez. Para arrasar nun festival, pero tamén nun teatro, a un nivel máis íntimo. Esperamos presentar o disco en febreiro, na Capitol, e a partir de marzo, de xira.