A sublevación dos números

FUGAS

As persoas sen fogar en España aumentaron un 24,5% nos últimos dez anos, informan os datos do Instituto Nacional de Estadística. Xente invisible nos grandes titulares, números fríos, vidas no límite. Unha sociedade —un Estado, mellor dito— facendo auga. Arrepía pensar todo o que agocha esa porcentaxe, propia dunha guerra aberta contra quen loita a peito descuberto pola súa supervivencia. Un drama que recolle con exquisita pulcritude o documental Hijos de Dios, magnífico traballo de Ekain Irigoien (dispoñible en Filmin) que custa dixerir sen que o espectador se sinta traspasado pola carraxe, agora que as cidades se visten coas luces de Nadal e se nos bombardea cunha espiral de ilusións perfumadas en francés, enchentes a mantel posto e desexos que chaman a espremer con ansia a tarxeta de crédito. En Galicia contabilízanse preto dunhas 2.500 persoas sen fogar. E eses mesmos datos do INE —ásperos, de novo— reflicten que estamos moi por enriba da media española no número de persoas na rúa en relación á poboación do país. Conclusión: moitos fillos de Deus hai por aquí. Moita desesperación.

Pero hai unha porcentaxe, alén desa terrible estatística do INE, que resulta aínda máis turbadora. O 47 % das persoas sen fogar en España foron vítimas nalgunha ocasión dun delito de odio, cun perfil dos agresores que se repite na maioría dos casos: homes de entre 18 e 35 anos, case sempre de clase media-alta. Poderiamos dicir que son os fillos malcriados da abundancia contra os fillos de Deus. Ou as bestas dos barrios altos (aí tería Sorogoyen material para outra gran película) contra os habitantes dormentes da rúa, xentes magoadas pola vida aos que o estado de benestar esqueceu darlles cita. Estes días soubemos que dous tipos de Lalín mallaron nunha persoa sen teito, en Xixón, e que logo difundiron o feito polas redes sociais. Que estatística pode soportar tal expresión de brutalidade? Que cifra dun anuario encaixa sen tremer todo ese negror na alma de quen arremete así contra os máis febles? E a pregunta final: Á falta doutras vontades, chegará entón o intre en que os números, fartos de soster a nosa insensibilidade, sexan os que se manifesten por nós nas prazas para sinalar o alcance do desastre? Velaquí un dos protagonistas de Hijos de Dios: «Ya no le tengo miedo a la calle, ni a la muerte ni a nada».