No seu caso, escribir foi tamén un xeito de rachar con esa monotonía imposta tan característica do centro. «Non entrei no psiquiátrico pensando escribir un diario, pero, cando estas alí, os días non pasan». Ademais, houbo tamén un ingrediente sanador no proceso de escribilo. «Os psiquiatras dicíanme: 'Cada un ten que buscar a súa propia saída da depresión'. Porque as pastillas, si, pódente tranquilizar, pero curar non curan. A min o que me axudou moito foi escribir».
Contar o seu día a día, deixalo por escrito, foi tamén un xeito de ancorarse nese ambiente tranquilizador que tanto lle estaba a axudar a sandar. «Eu entraría mañá mesmo outra vez. Nunca estiven nun sitio no que sentise tanta paz interior. Entras e deixas o teu mundo fóra».
DAR A LUZ E DESPEDIRSE
A Luisa López a morte do seu primeiro fillo, Miguel, chegoulle na semana trinta de xestación. Tivo que dar a luz e despedirse: «O día que o coñecín, despedinme del».
Xornalista de profesión, tivo claro dende o minuto un que ía contar o que lle acontecera a ela e á súa familia. Tamén, como Úrsula, por intentar rachar cos prexuízos, explica, pero máis que nada por intentar comunicar. «Naquel momento pensei que o que máis me relaxaba e me axudaba a reflexionar era a lectura. Hoxe en día, se che pasa calquera cousa, sempre buscas unha lectura que che explique o que sucede, e esta foi a miña maneira de explicarlle ao meu entorno o que estabamos vivindo». Deste xeito, escribir foi a ferramenta para combater a incomprensión que sentía no día a día e un xeito de deixar pegada para os que, por desgraza, virían despois.
Con este gran exercicio de sinceridade naceu o libro Mi bebé estrella, co obxectivo de chegar a eses pais que se asoman ao abismo tras a perda do seu fillo, de visibilizar o papel crucial da familia e do pai neste proceso, «que tivo que sosterme a min, pero tamén tivo que sosterse a si mesmo porque tamén perdera ao seu fillo», e sobre todo, de que este tema non pasara inadvertido.
Luisa utilizou o seu libro como ferramenta, pero tamén como bálsamo. «Parece que a tristeza é fío condutor para escribir porque saca o máis profundo de ti».