O Barco de Valdeorras está entregado ao tributo ao seu mellor embaixador, unha figura que enxalza a través da arte, das iniciativas culturais e tamén do traballo dos centros educativos
13 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
O Barco é o mellor escaparate do seu poeta. Unha figura, a de Florencio Delgado Gurriarán, que moitos reclamaron na súa vila para este Día das Letras Galegas e que agora amosan nas rúas, nos colexios e na biblioteca municipal, que como non podía ser doutra forma, leva o seu nome. Alí se atopa Mari Voces, que sinala que ultimamente son moitas as persoas que se achegan para preguntar por el.
«Veñen preguntando que libros temos, ou por algunha biografía súa. E logo tamén nenos dos colexios, porque están todos apoiando a iniciativa e facendo proxectos relacionados con el», explica. Polo contrario, antes de anunciarse que sería o protagonista deste 17 de maio, non eran tantos os que coñecían a este autor. «Nós só tiñamos un par de títulos seus, mentres que agora ampliamos moitísimo o catálogo, tanto para consulta como para préstamo. Pasamos de ter os que nos deixaron os familiares e un exemplar de cada un, a unha oferta para que a xente poida levalo á casa e coñecelo. Isto axudou moito», indica Mari.
Onde si coñecían a Florencio é nun deses colexios que se puxeron mans á obra para promocionalo: o CEIP Condesa de Fenosa. Alí posan para esta reportaxe moitos alumnos ante o impresionante mural no que participaron. Nuria Álvarez Rodríguez, coordinadora de Normalización Lingüística do centro, comenta que na elaboración desta creación que colga no seu patio cuberto conflúen varios títulos propios do mosaico con azulexo e pintura. «Dirixiuno un artista que tamén foi profesor, Gerardo Rodríguez, que se coñece na zona como Chere, e que fixo tamén outros traballos noutros coles. Incluso, esta fin de semana fixeron outro mural en Córgomo con el», apunta Nuria. Pero alí, en Córgomo, é moito o que se está a cocer coas integrantes da Asociación de Mulleres Rurais e todas as iniciativas e a decoración coa que engalanaron a terra do homenaxeado.