NOELIA SILVOSA
O Barco é o mellor escaparate do seu poeta. Unha figura, a de Florencio Delgado Gurriarán, que moitos reclamaron na súa vila para este Día das Letras Galegas e que agora amosan nas rúas, nos colexios e na biblioteca municipal, que como non podía ser doutra forma, leva o seu nome. Alí se atopa Mari Voces, que sinala que ultimamente son moitas as persoas que se achegan para preguntar por el.
«Veñen preguntando que libros temos, ou por algunha biografía súa. E logo tamén nenos dos colexios, porque están todos apoiando a iniciativa e facendo proxectos relacionados con el», explica. Polo contrario, antes de anunciarse que sería o protagonista deste 17 de maio, non eran tantos os que coñecían a este autor. «Nós só tiñamos un par de títulos seus, mentres que agora ampliamos moitísimo o catálogo, tanto para consulta como para préstamo. Pasamos de ter os que nos deixaron os familiares e un exemplar de cada un, a unha oferta para que a xente poida levalo á casa e coñecelo. Isto axudou moito», indica Mari.