Paula Cons: «O crime de Marta del Castillo é unha fotografía de España»

FUGAS

A cineasta Paula Cons
A cineasta Paula Cons Netflix

A directora coruñesa vén de acumular éxitos con «A illa das mentiras», o seu debut no cine, e «¿Dónde está Marta?» un dos documentais máis vistos da historia de Netflix

05 jun 2022 . Actualizado a las 22:06 h.

Dende nena quería ser xornalista e conseguiuno, pero tamén dirixiu varios documentais notables, como ¿Dónde está Marta?, sobre o crime de Marta del Castillo, e contou o naufraxio do Santa Isabel no filme A illa das mentiras. Entre ficción e realidade móvese Paula Cons (A Coruña, 1976), unha muller que na facultade, segundo lle contan os seus compañeiros, «vía o de ser directora como un soño inalcanzable».

­—Fixeches varios documentais e a túa película, «A illa das mentiras», tamén está moi pegada á realidade.

—Eu creo que é onde me movo cómoda, ou ao mellor non teño máis imaxinación e sempre necesito ter unha base… quen sabe. A realidade paréceme apaixonante. Tamén o feito de que, ás veces, é complicado atoparlle o sentido porque é moi caótica e iso é o bonito.

Fotograma da película de Paula Cons «A illa das mentiras»
Fotograma da película de Paula Cons «A illa das mentiras»

­—Comentabas en Twitter a alegría polo premio de Carla Simón na Berlinale. Por que é importante que as directoras teñan eses recoñecementos?

—As mulleres sentimos moitísimo cos premios das compañeiras. A verdade é que eu vin a gala enteira, chorei e emocioneime moitísimo. O das referentes é importante, por iso cando me chaman para ir a colexios sempre vou polas nenas, porque dá igual que entendan como se fai unha película ou non, o importante é que me vexan e que vexan que falo galego, e igual vivo a dous quilómetros delas, isto é importantísimo.

­— A igualdade no cinema acadarase cando as mulleres tamén gañen grandes premios con películas mediocres, como sucedeu con moitos directores?

—Encantaríame que sempre gañaran as películas xustas, as boas, pero iso é subxectivo. O que me parece interesantísimo é ese movemento que está iniciando Celia de Molina, que é reclamar os nosos «truños», é dicir, temos dereito a facer malas películas. Non podemos estar continuamente obsesionadas por facer sempre o mellor para non defraudar as nosas irmás ou non aproveitar as oportunidades. Temos dereito a fallar. Porque nós levámonos chupando tremendos «truños» dende sempre e temos dereito a facelos. Non penso que teñamos dereito a gañar un festival cunha mala película pero si dereito a facelas.

—Contas que ves moito cine e series feitas por mulleres, é por sororidade ou hai outro motivo?

—Non, vounos dar mérito. É porque levamos moitos anos escoitando só un xeito de narrar e o fresco, o novo e o orixinal a todos nos gusta. Empezas a ver películas contadas doutro xeito, con outra mirada e alucinas. Ves Fleabag, de Phoebe Waller-Bridge, e estóupache a cabeza. Ou Podría destruirte, de Michaela Coen. O mesmo pasa con El poder del perro, de Jane Campion, hai xente que di que é lenta. O que pasa é que está cociñada a lume lento.

­—«A illa das mentiras» é un «thriller» de mulleres con pano. Por que reivindicar as nosas avoas ou bisavoas?

—Cando miras as túas avoas, parece que sempre foron así e non. Eran mulleres con ansias, con soños, con forza, creativas e probablemente con moitísimo máis mérito que nós. Sempre digo que quería que aparecesen correndo, porque corrían, estaban cheas de enerxía. Apaixóname o que hai detrás dese mutismo, desa falta de expresividade dalgunhas. Interesoume facer a película para contar como se xestionan traumas cando non sabes o que é un trauma.

—O documental sobre Marta del Castillo foi do máis visto en Netflix. Tiveches medo de tratar un crime tan mediático?

—Si, de feito agradecín moito traballar baixo o radar. Despois, enfrontar toda esa visibilidade a min abrumoume, e tampouco podes celebrar estes datos porque o tema é o que é.

—Cal foi a túa reacción ao recibir a proposta?

—A chamada foi da produtora executiva, Marga Ruiz, de Cuarzo, e gustoume moito o punto de vista. Era unha oportunidade de facer unha fotografía de España, porque os crimes retratan moito a todos os estamentos sociais. O que me parece moi interesante cando se tratan casos de violencia machista é non facer monstros e convertelo en algo peculiar, porque é a enfermidade dunha sociedade.

—Como foi estar detrás da cámara para conseguir os testemuños da familia e tamén de persoas presuntamente implicadas no crime?

—Foi duro. De feito, choramos moito na rodaxe, pero tamén pensas que queres axudar e narralo ben. Está ben non esquecer esa presión para non meter a pata, non ser morbosa. Está ben esa advertencia moral. Cando fas entrevistas a persoas que están dalgún xeito implicadas no caso, tes que apelar a todo o que cres do xornalismo e estar á altura. Hai que preguntar, non deixar cabos soltos, non dar unha resposta por boa, non prexulgar, non intimidar ou xulgar, non usar tons inadecuados. Hai que estar intranquila para facelo do mellor xeito posible.