Domingo Villar: «Non teño os pés na terra, e prefiro non telos»

FUGAS

O escritor Domingo Villar este setembro en Santiago.
O escritor Domingo Villar este setembro en Santiago. Sandra Alonso

«Sei que as cousas van saír mal, pero sempre poño boa cara», di o «pai» de Leo Caldas, que ofrece un ramo de contos-aperta que celebran a palabra, a amizade e, por suposto, Galicia

19 sep 2021 . Actualizado a las 13:48 h.

novela negra namorou de Domingo Villar (Vigo, 6 de marzo de 1971). El deixouse querer e naceu o espléndido «fillo» Leo Caldas, que medrou en Galicia e polo mundo adiante varrendo fronteiras no noir. Mais Domingo, o mesmo que mantén o sorriso no drama, quixo manter a liberdade, unha singularidade de contista soñador que non acaba de ter os pés na terra. En homenaxe ao seu pai e da amizade, naceron Algúns contos completos (libro meigallo que vén de publicarse en galego en Galaxia e en Siruela en castelán, Algunos cuentos completos).

-Con Leo Caldas gañounos o novelista. Agora sorprende o contista que sempre foi.

-Para os lectores pode ser unha sorpresa, para min non o é. Cando escribo de Leo Caldas, sempre teño a sensación de que escribo novelas que son policiais por fóra, pero por dentro son historias que teñen que ver co amor a unha terra, a unha xente e a unha vida que observo con ollos un pouco nostálxicos; a unha vida que cambia demasiado rápido e na que non me sinto moi cómodo. Estes contos teñen un pouco que ver con esas aventuras literarias que afronto ás veces afastándome das tramas policiais dentro das miñas novelas. Algúns contos completos é unha escolma de dez contos íntimos elixidos de entre decenas que fun escribindo ao longo do tempo con intención oral. Algún deles foi publicado en La Voz hai anos. O entón director de Opinión do periódico, Juancho Martínez, pedíame artigos. Eu non tiña unha opinión formada de case nada e mandeille algúns contos que tiña escritos. A intención real destes contos era que se mantivesen no territorio máis íntimo, para os amigos como agasallo (gústame agasallar contos) ou para celebrar a amizade como quen descorcha un licor café.

-Os seus libros son encontros. Neste hai un encontro coa terra, cos amigos, e de novo co pai, tendendo unha ponte del ata os seus fillos, Tomás, Mauro e Antón.