Xa hai gañador do certame «Musicando a Carvalho Calero»

Carvalho levado ao rap, ao metal, á electrónica e mesmo ao reggae. Oitenta grupos e solistas presentáronse ao concurso convocado por Agal e Radio Galega, que gañou a adaptación ao pop-rock da peza «Ferrol 1916». Pódese escoitar a gañadora e todas as finalistas en carvalho2020.gal

A Banda da Loba é un dos grupos finalistas do concurso Musicando a Carvalho Calero
A Banda da Loba é un dos grupos finalistas do concurso Musicando a Carvalho Calero

Pode un poema de mediados do século pasado ser traído á actualidade utilizando os canons musicais modernos? Non so é que se poida senón que resulta de todo punto oportuno. E, polo visto, tamén sumamente atractivo. Aí está para demostralo o poder de convocatoria amosado pola segunda edición do certame Musicando a Carvalho Calero, que convocaron a Associaçom Galega da Língua (Agal) e Radio Galega.

A idea do certame xurdiu hai dez anos, co gallo do centenario do nacemento do escritor ferrolán. Naquela convocatoria presentáronse 18 cancións. Desta volta foron 80. Un dos convocantes, Miguel Penas, de Agal, recoñece que «non esperabamos tantas. A resposta desbordounos».

O título do concurso é o suficientemente elocuente como para requirir de moitos máis detalles. «O obxectivo do certame é dar a coñecer a figura do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas do 2020», sinalan as súas bases. E que mellor xeito para dalo a coñecer, especialmente entre a mocidade, que utilizando o vehículo de expresión que lles é máis próximo e atractivo: a música. Sen ningunha limitación. Os participantes puideron musicar os poemas completos ou fragmentos, puideron facer variacións de frases ou palabras -sen perder o sentido xeral-, recortar ou pegar fragmentos de diferentes poemas e mesmo utilizar recursos de audio ou de voz do propio escritor. Tampouco había, por suposto, ningún tipo de restrición no estilístico.

Así houbo quen optou polo sentir máis clásico da canción de autor, quen levou os textos de Carvalho ao reggae, ao rap, ao trap, ao rock, á música tradicional, ao indie, ao metal ou á electrónica. Mesmo houbo un romance. A promotora musical e xornalista Aitana Cuétara, compoñente do xurado que fixo a selección dos dez finalistas, enxalza precisamente esa variedade de estilos como unha das achegas máis interesantes do certame. «Resultou moi grato comprobar o ben que se adaptan as letras de Carvalho. Parecían escritas para estes estilos. Foi moi interesante volver a entender estes poemas dende outra perspectiva», sinala.

Na mesma liña maniféstase Miguel Penas. «Demostrouse que Carvalho é moi versátil. E os seus textos absolutamente actuais. Non semellan descatalogados dende o punto de vista da temática. É como se acadara a categoría de clásico. E os clásicos non pasan de moda».

Tamén subliña Miguel Penas a satisfacción que para Agal supón a demostración de que a perspectiva reintegracionista da lingua que tiña Carvalho Calero «non supón ningún impedimento para adaptala e musicala».

Entre os participantes no certame figuran nomes de xa notable relevancia na escena musical galega. É o caso de A Banda da Loba, que musicou O sonho da Catarina. «A nosa conexión coa poesía é moi estreita. Temos musicado a Rosalía, a Celso Emilio, a Manuel María... De feito, xa tiñamos pensado facer algo con Carvalho Calero. E xusto xurdiu o concurso, así que...», comenta Xiana Lastra. A escolla do poema veulles case dada. «A letra fala de lobos, esa era a nosa». E para musicalo tiraron polas reminiscencias da música disco dos 90. «Quixemos facer algo que soase a nós e que fose animado, porque cando se musican poetas téndese, case sempre, a facer algo como moi profundo».

Xiana Lastra fai énfase na oportunidade que supoñen estas iniciativas para achegar a poesía á xente máis nova. «Chegan moito máis alá do que poida dicir calquera libro de texto», apunta.

Outra das finalistas deste Musicando a Carvalho Calero é MJ Pérez, que lle puxo voz e música a Nom existe a morte. Recoñece a cantautora de Arzúa que dende o primeiro momento o concurso pareceulle bastante apetecible. «Pero a estas cousas, se me ven a inspiración, preséntome. E se non, pois non». E desta volta veulle. Chegoulle precisamente a partir dun traballo sobre o escritor ferrolán que fixo con outros exalumnos do instituto de Arzúa. «Decidín ler os seus poemas para ver se había flechazo. E xurdiu con Non existe a morte». Tanto foi así que para a súa adaptación MJ Pérez tan só trocou unha palabra do poema orixinal. «Musicar un poema é máis complicado do que semella», advirte. «Podes estragar o poema e a canción». MJ concibiu o proceso como un xogo. «O que fixen foi ler o poema coa guitarra na man. Eu ía lendo e xogaba con catro acordes. E unha vez que tiña o bosquexo, fun metendo elementos para salientar aquilo que me interesaba. Porque ao meu xeito de entender, nestes casos a música está para salientar o poema».

O indie tamén puxo a súa ollada nos textos de Carvalho Calero. Nesta ocasión a través de Moito. O grupo da Pobra musicou en Demo deus versos escuros en clave de electrónica atmosférica. «Por unha parte queriamos darlle unha volta ao noso son, que soe ser máis guitarreiro. E por outra, ao ter que gravar cada músico dende a súa casa, era máis doado crealo e facelo con sintetizadores», explica Diego González, guitarrista da banda.

Moito optaron por extraer un fragmento dun poema e convertelo nun retrouso que soa case como unha sorte de mantra. «Pareceunos moito máis persoal que coller un poema e interpretalo de arriba abaixo».

O premio para o vencedor, que é o grupo Clásicos Libres coa adaptación da peza Ferrol 1916, será de 1.500 euros en metálico e a gravación dun videoclip. Iso é o que estipulan as bases. Se ben á vista da calidade dos finalistas Miguel Penas non desbota a posibilidade de gravar un disco con eses dez temas. «Veremos que se pode facer».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xa hai gañador do certame «Musicando a Carvalho Calero»