Begoña Caamaño, a nosa Sherezade

FUGAS

A xornalista e escritora Begoña Caamaño nunha imaxe do 2009
A xornalista e escritora Begoña Caamaño nunha imaxe do 2009 XOAN CARLOS GIL

Na súa despedida quixo compoñer con palabras de afecto unha derradeira carta, que é un convite a celebrar a súa vida

23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2009 irrompía na literatura galega unha autora que en só tres anos conseguiu ter unha voz propia a través da súa narrativa. Begoña Caamaño era xornalista de profesión, pero na ficción fuxía da actualidade e procuraba nos mitos a materia das súas obras, collía os vimbios clásicos e facía un cesto novo cunha ollada contemporánea e feminista.

Cando nas clases de Literatura Universal chegamos á época clásica e lemos pasaxes da Ilíada e da Odisea, o alumnado expón o mito porque o coñece das películas ou dos videoxogos, moito antes que a través de Homero. Saben que Ulises, despois da derrota dos troianos, regresou a Ítaca, onde o agardaba unha muller que levaba máis dunha década sen saber del. Penélope esperaba a súa volta con férrea fidelidade, mentres Ulises gozaba na illa de Eea do amor con Circe. Na tradición clásica, Circe é considerada unha bruxa, unha feiticeira culpable de que Ulises adíe a súa chegada a Ítaca. Consciente desa visión, apóiome en Begoña Caamaño e na voz que ela lles deu á muller e á amante. En Circe ou o pracer do azul un corvo mensaxeiro viaxa entre as illas coas misivas que intercambian as dúas raíñas. Penélope coñece os amores do seu home, quen axiña deixa de ser o protagonista das cartas ao tecerse entre elas lazos de comprensión, admiración, en definitiva, unha relación de sororidade. Así entendía a autora a amizade entre as mulleres, como arma de defensa e empoderamento que nos fai máis libres e máis fortes.

Reescribir os estereotipos

Para a escritora, os mitos son os que marcan os canons, os estereotipos, por iso é importante reescribilos. Na súa segunda novela, Morgana en Esmelle, aposta por deitar a súa mirada lila sobre o ciclo artúrico. E nesta tarefa, Begoña non esquece a Cunqueiro, quen tamén soubo transgredir os mitos e anosalos. O escritor de Merlín e familia levou o mago á terra de Miranda a onde viaxará Morgana para buscar as respostas ao seu pasado. A raíña da illa de Avalón era unha muller intelixente, con coñecementos de medicina e de astronomía, con dotes para a curación e a adiviñación. Mais o que son virtudes nun home non necesariamente o son nunha muller. A tradición enfrontou a Morgana e Xenebra, ata que ela vai a Esmelle e conversan, de aí nace o coñecemento mutuo e o entendemento: «Tan distintas, Xenebra e eu, e cantas semellanzas na nosa vida».

Co proxecto na gabeta dunha nova novela que nos levaría á cultura oriental, Begoña Caamaño deixounos no outono de 2014. Esa morte tan prematura impediu que seguise a tecer palabras para nós. Con elas conquistou ao público e recibiu numerosos premios.

O MOTOR E A MESTRA

Begoña Caamaño estivera corenta anos sen escribir e confesaba non sentir a necesidade de publicar. Aquela nena do Calvario de Vigo que recibira as primeiras clases de francés de María Xosé Queizán, seguiu os pasos da mestra no compromiso coas causas xustas e, moi especialmente, a da muller. O feminismo era motor da súa existencia, aínda que foi abandeirada de moitas outras loitas que consideraba lexítimas.

Na súa despedida quixo compoñer con palabras de afecto unha derradeira carta que é un convite a celebrar a súa vida, tan comprometida e tan imprescindible para as nosas letras. Hoxe tamén soa o «Alalá das Mariñas» para ti, a nosa Sherezade.