Castelao, o irmán dos negros

FUGAS

Pilar Canicoba

Se algo distingue ao rianxeiro é a súa loita pola causa dos que sofren en calquera lugar do mundo. Sempre coherente, sempre vivo

10 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Son días estes para volver sobre o relato de Castelao O negriño Panchito, que forma parte do libro Cousas (1929). O protagonista é un rapaz que chega dende Cuba cun home rico; o neno de seguida aprende galego e adáptase aos costumes coma calquera nativo. Andado o tempo xorde nel a idea de emigrar, como facían os mozos do lugar, e entón regresa á Habana, pero estando alí estrañaba Galicia, non se afai á terra que o viu nacer e emprende o camiño de volta: porque a condición de galego non está na cor de pel ou na orixe, ser galego é unha determinación propia, é ter vontade de selo, como de certo tiña o negro Panchito.

A PRIMEIRA VIAXE EN AVIÓN

Castelao naceu en 1886 e el mesmo conta como ter viaxado e ter visitado países onde había matrimonios entre persoas de diferentes razas o levou a evolucionar no seu pensamento e a vencer prexuízos propios dunha época e dunha educación. En 1938 arribou a Nova York enviado polo goberno republicano para facer campaña contra o golpe de estado de Franco e, posteriormente, para dar apoio aos exiliados. Todas as mañás almorzaba no mesmo café e a vista que tiña a través do vidro vaina retratar nalgúns debuxos. Imposible non reparar na mirada triste dun home negro no inverno nevado de Nova York.

A xira polos Estados Unidos durou case dous anos, cunha pequena estadía en Cuba que coincide coa primeira viaxe en avión do rianxeiro. Desta etapa van xurdir os Debuxos de negros, porque se hai algo que define a Castelao é a súa loita contra a inxustiza, a súa adhesión á causa dos que sofren en calquera lugar do mundo. Na Fundación Penzol de Vigo custódianse uns cadernos manuscritos seus que a institución deu a coñecer a través dunha publicación xunto aos debuxos que acompañaban as notas. Nunha desas anotacións, Castelao explica como se produciu un cambio no seu pensamento ao estar en contacto cunha realidade tan afastada da súa. Incluso lle pon data ao día en que se despoxou dos seus prexuízos, o 1 de setembro de 1938, cando, atopándose no estado de West Virginia, pode ler nun letreiro á porta dun bar: «Notice: Whites only» e entón decide escribir: «Agora síntome irmán dos negros». Na cidade dos rañaceos será nomeado presidente honorario da Federación Internacional de Sociedades Negras polo seu activismo e a Federación de Sociedades de Cor ofreceralle unha homenaxe en Cuba en 1939.

O SÍMBOLO DUN PAÍS SOÑADO

Durante esa estadía tamén escribe a peza teatral Os vellos non deben de namorarse, estreada en Buenos Aires e publicada en Galicia en 1953. O xenio literario de Castelao está fóra de toda dúbida: a súa prosa sintética, a combinación de técnicas da narrativa oral con procedementos innovadores, o humor, as temáticas apegadas á realidade galega... son algunhas das características dos seus relatos. Con frecuencia gustaba de acompañar os textos con ilustracións, sabedor do poder das imaxes. Conservamos máis dun milleiro destes debuxos humorísticos que el foi publicando, moitos deles na prensa, consciente de que era unha maneira máis efectiva de chegar ao pobo, a ese pobo que trazaba de maneira digna, na súa lingua, con retranca, pero tamén denunciando as inxustizas que padecía. Nos anos trinta xa era popular como ilustrador e seríao tamén como político, como «construtor da nación», unha nación sempre inclusiva: «Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con todas as razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado».

Foi demócrata, nacionalista, federalista e republicano; sempre coherente, sempre do lado dos que sofren independentemente da latitude en que vivan e, por iso, sempre vivo. A través dunha monumental e rigorosa biografía que está a ser publicada en tomos por Galaxia, Castelao, construtor da nación, o investigador Miguel Anxo Seixas retrata con mestría o día a día dun home íntegro e, sen caer na haxiografía, achegámonos ao perfil daquel que, xunto con Rosalía de Castro, foi escollido polo pobo como o símbolo dun país soñado.