A música en directo volve o domingo a Santiago

Faia Díaz, que presentará o seu primeiro disco, será unha das protagonistas da xornada

A cantante Faia Díaz, de De Vacas
A cantante Faia Díaz, de De Vacas

A cultura volve á Cidade da Cultura. Sería unha redundancia de non ter sido polo inquietante baleiro destes últimos meses e pola incerteza que atenaza o futuro. A música volverá soar o domingo no cumio do Gaiás co público presente. Con mascarilla, iso si. Nun aforo reducido e con dous metros de distancia entre cadeiras. Pero soará. Iso é o importante. Como sinala Faia Díaz, unha das protagonistas da xornada: «Eu non era moi optimista de cara ao verán. Foi unha sorpresa. E por primeira vez en meses, unha agradábel sorpresa».

Música barroca, tradicional tinguida de vangarda e electrónica son os tres estilos elixidos para esta rentrée sonora.

Os primeiros en soar, ás doce do mediodía, son El Afecto Ilustrado, un sexteto concibido como un grupo de cámara innovador e versátil. A súa filosofía é presentar unha interpretación historicista do repertorio comprendido entre os séculos XVII e XIX dunha forma próxima e tanxible. Nesta ocasión, centrarán o seu programa na música inglesa do século XVII.

Ás cinco da tarde será a quenda de Faia, quen presentará o seu primeiro disco, Ao cabo leirín, un traballo de investigación do cancioneiro tradicional, pero tamén da súa propia voz e dos espazos sonoros que a arroupan. Farao xunto ao músico Benxa Otero. «Será un formato moi íntimo, no que intentaremos maridar dous instrumentos melódicos como son a voz e o corno inglés, aproveitando tamén un pouco os reflexos que xeren no propio recinto». Un recinto, engade Faia, que terá «bastante de surrealista» por aquilo da separación entre o público: «A da nova normalidade vai ser unha imaxe moi forte».

Encargarase de pechar a xornada, ás 21 horas, Chisme. Que non é senón o proxecto musical de Fernando Epelde -tamén coñecido por ser dramaturgo e actor na compañía de teatro Voadora-, no que mestura texturas electrónicas con influencias que evocan xéneros como a new wave ou o pop groove máis espacial.

Os concertos teñen un aforo limitado a 80 persoas, pero tamén poderán ser seguidos en streaming pola canle de YouTube da Cidade da Cultura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A música en directo volve o domingo a Santiago