Quico Cadaval: «Se os avións van cheos, por que non se pode encher un teatro?»

Cadaval tivo un confinamento analóxico, sen wifi, que desembocou nun arrebato de nihilismo. Deulle por ler, cociñar e ver episodios de «Colombo»


«Non sei se che servirei de moito porque me pillas nun momento de nihilismo severo», advirte Quico Cadaval ao comezo do que rematou por se converter nunha longa charla. Pregúntolle polas razóns de tal estado, como se fixesen falta. Fálame de que pasou un confinamento analóxico, levemente activo e cunha certa dose de voluntaria e controlada desinformación. «Se me vas preguntar como lle vai afectar isto ao teatro ou que podemos facer os profesionais a partir de agora, xa che digo que non teño nin puta idea. NPI que diciamos na escola. Lémbraste?». E como un neno que dixo algo inapropiado, bota a rir.

-Todo o mundo ten unha teoría acerca desta crise, cal é a súa?

-Eu teño a teoría, moi pouco compartida, de que isto foi un problema ecosanitario global e que será a ciencia, e non os cuñados internáuticos, quen terá que darnos contestacións.

-Ten lido ou escoitado a algún pensador ou filósofo que teña explicado de forma lúcida este momento?

-Sinceramente, non. Creo que onte falou un na Radio Galega pero non puiden escoitar (ri).

-Atopou algo de teatral nesta situación?

-O teatro é unha representación de accións humanas que ten por obxecto invitarche a un debate. Nese sentido todo isto é moi teatral. Tamén sinto que a grande farsa onde está instalada é na vida política, na que hai unha enorme cultura da representación. E xa se sabe que cando a farsa se instala na vida pública a comedia esmorece nos escenarios.

-Procurou refuxio nos libros?

-Lin bastante, si. Nun primeiro momento o que fixen foi mirar ao pasado buscando algo que fose parecido a isto. E lembreime do Decamerón e de La peste, de Camus. O Decamerón o que nos conta é que despois dunha onda de mortes o que vén son unhas gañas tremendas de vivir e entón aparecen os praceres da vida. Pero eu o que estou vendo é que aínda non avanzamos nada porque a xente vai ás terrazas que é exactamente o mesmo sitio no que estaban o ano pasado. Non hai ningún avance hedonista.

-Consumiuse máis cultura durante o confinamento?

-Non o teño moi claro. Consumiuse máis televisión, iso si. Eu pasei o confinamento sen wifi, coa tele do TDT, a que ten anuncios, a boa. Non entendo como a xente pode pasar horas vendo produtos de ficción sen ver un anuncio. Iso desculturiza.

-Ver teatro por streaming é unha aberración?

-Eu creo que non. Se hai algún tipo de retorno económico paréceme unha opción que pode estar ben. Sendo sempre moi conscientes de que o que estamos vendo é un espectáculo televisado, que iso non é teatro. O risco que conleva o streaming é que pon en perigo o tecido que contrata e distribúe o teatro.

-Tampouco o fútbol pola tele é fútbol.

-O fútbol ten connotacións moi distintas. É un xogo, é imprevisible, hai moito de azaroso. Mentres que no teatro suponse que canto menos azar, mellor. Por iso o fútbol funciona tan ben nos bares, porque a xente encóntrase, toma as birras, comenta e discute. O xogo, o rito e o teatro son tres cousas diferentes. Nesta ocasión o fútbol e a misa van por diante. Están conseguindo ter menos inconvenientes.

-Escribiu durante o confinamento?

-Non, non escribín nada. Tamén debería ter reflexionado sobre que ofrecer diante dunha situación inédita coma esta pero xa che dixen que non o fixen.

-Algunha conclusión sacaría.

-Preocúpame que a xente vexa isto como unha cortina de seda, como que se cortou a historia e agora empezamos de novo. E que iso poida alimentar certas actitudes de rendición. A min o que me fode é que a xente gaste a súa dose de rebeldía en negarse a manter a distancia social ou a usar mascarilla. E que despois nas cousas verdadeiramente importantes actúen coma sempre.

-Hai algunha revolución posible?

-NPI outra vez. Pero o que non podemos é resignarnos. Haberá que facer algo útil. Igual que cando despois de moitos anos un día miras para a sala e dis «esta sala hai que cambiala», haberá tamén que mirar ao redor e pensar que se pode cambiar. Instrumentos témolos. Pode que só sexa un pequeno alivio ou unha pequena vitoria. Pero tamén pode ser o inicio dunha revolución.

-Cre que cambiaremos desta?

-Fáiseme moi difícil crer que non cambien algunhas cousas. Pero eu non son optimista así que seguramente non cambiarán para mellor. Cando me preguntan «Quico, que fixeches durante o confinamento, escribiches, fixeches o teu traballo?», eu digo «non». Pero si que houbo moita xente, os axentes do mal, que estiveron facendo o seu traballo dende o minuto un. Estiveron vendo como conservaban os seus beneficios, as súas ganancias, como relanzaban o mercado… O mal non parou. Os primeiros 15 días estiveron calados. Pero que estaban facendo? Estábanse preparando. E despois lanzábannos, coma se fose un mantra, aquelas mensaxes de «saldremos juntos de esto», «saldremos mejores». Que cara tan dura que teñen!

-Quen son os axentes do mal?

-A banca, as grandes corporacións... E as compañías aéreas, que din que se queremos avións teñen que ir cheos. E os políticos dixeron que vale. Entón, se un avión pode ir completo porque un teatro non se pode encher?

-Ten confesado que foi un «neno revello». Cre que será tamén un vello «reneno»?

-Non sei. É certo que a miña inmadurez estase evidenciando cada vez máis. Pero non sei se chegarei a ser un vello reneno. De cativo vivín aquela inocencia que me levaba a crer en todo e agora gustaríame vivir a vellez como esa segunda inocencia que leva a non crer en nada, que dicía Machado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Quico Cadaval: «Se os avións van cheos, por que non se pode encher un teatro?»