«Pippi parécese ao Quixote, son dous tolos que buscan a xustiza universal»

Pippilota era el! A rapaza máis forte, que creou Astrid Lindgren hai 75 anos, fala galego grazas a David A. Álvarez. «O que máis me gusta dela é o seu optimismo, sabe buscar a felicidade en cada situación», asegura o seu tradutor


Volve a nena máis libre e forte do mundo, coa terceira e última entrega das súas aventuras en galego, Pippi Mediaslongas nos mares do sur. Aquí vos agardan novas viaxes, moedas e novas palabras. Son produto da fantasía xenial deste pelouro de nena á que lle dá voz en galego David A. Álvarez Martínez.

-Como foi que acabaches sendo Pippi Mediaslongas, traducindo este clásico tan vivo ao galego?

-Por un interese primitivo sobre a cultura escandinava e sobre a literatura sueca en particular. A primeira obra que lin de Astrid Lindgren foi Os irmáns Corazón de León. Sempre me chamaron a atención os seus personaxes, e vin que o oco non estaba cuberto en galego. Hai moitos clásicos para adultos traducidos ao galego, pero Pippi non o estaba... Había que darlle a oportunidade aos nenos de seguila en galego. A tradución española non é directa, non está feita a partir do sueco, senón do inglés.

-Nesa tradución viches cousas que non cadran coa Pippi orixinal?

-Si, de feito esa publicación en español está retirada do mercado e vanse facer outras novas no futuro. O galego tivo unha tradución directa de Pippi antes que o castelán, o que é moi curioso.

-Por que Vilapenela de nome para o fogar de Pippilota?

-O topónimo en sueco é un xogo, unha palabra que non existe. Unha palabra divertida que parece que fai referencia a un outeiro. Quixen buscar algo parecido en galego, un nome que tivese esa idea e unha repetición de letras como a do nome en sueco, e saíu Vilapenela! Nas aventuras de Pippi hai sempre un xogo cos nomes, moitos inventados, un mundo de fantasía e unha intención divertida. O mundo de Pippi é estrafalario.

-Ela é estrafalaria, pero lúcida sinalando a realidade da vida, a crueldade dos adultos, o machismo ou o problema de medrar sobreprotexido, ou non?

-Si, é algo moi singular para a época. Pippi é unha nena empoderada, sen prexuízos, cunha forza sobrenatural e un saco de moedas para facer o que queira.

-Dá dúas chaves do empoderamento, liberdade e independencia económica.

-Si, a súa é a forza da independencia, que ela amosa dunha maneira lúdica e optimista. Pippi non se ensaña coas súas vítimas, aos «malos» incluso os reinserta! Baila cos ladróns, dálles moedas... Co humor, co xogo, lévaos polo seu camiño.

­-Como explicas o bum de Pippi hoxe? Fixo máis ela polo feminismo e a igualdade, como circula polas redes, que todas as princesas de Disney xuntas?

-O Me Too deulle nova vida a Pippi. Como figura de empoderamento é indiscutible. Nos últimos anos volveu coller forza tras unha tempada durmida. Pippi é a fantasía do neno de ser independente. O feminismo da autora non é explícito, pero vese na linguaxe e nos seus personaxes. Despois de case 75 anos da publicación do primeiro libro, Pippi é un fenómeno.

-Os adultos deixan moito que desexar no libro: son simples, frívolos e crueis.

-Si, en principio si. Na época eran unha autoridade indiscutible. A propia autora de Pippi influíu moito no debate que houbo sobre se aos nenos había que pegarlles ou non para educalos, e dise que grazas a ela se conseguiu que o castigo corporal aos nenos fose ilegal. A escola nos 40 era moi estrita, os nenos tiñan que portarse ben, os nenos eran nenos, e as nenas, nenas; Pippi nese contexto foi unha revolución total.

-Podemos comparala con Greta?

-Moita xente compara a Greta Thunberg con Pippi, é case inevitable. Greta é sueca, ás veces leva trenzas e é unha nena valente que se enfronta á visión dos adultos. Eu penso máis en Pippi coma un don Quixote, no sentido de que os dous fabulan a súa historia. Pode parecer unha demente que ten, coma don Quixote, un mundo de fantasía. Son dous tolos intelixentes que buscan a xustiza universal.

-Que é o que máis che gusta dela, un trazo ou máxima pippiana para a vida?

-O que máis me gusta é o hedonismo de Pippi, o do pracer polo pracer. Para ela todo é un xogo, todo gozar, buscar o momento de felicidade en cada situación. Pippi busca o lado positivo da vida. É libre e optimista. Cero vitimismo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Pippi parécese ao Quixote, son dous tolos que buscan a xustiza universal»