Nove discos imprescindibles do 2019

FUGAS

Fugas

A deste ano foi unha boa colleita. Se cadra non por cantidade -e isto aínda irá a menos-, pero si por calidade e variedade. Recompilamos algúns discos galegos deste 19 que deberías escoitar

13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O disco como obxecto físico vaise achegando á condición de venerable reliquia. Lonxe quedan xa os tempos no que case era obriga respectar o ritual de disco por ano. Aínda así, a produción discográfica galega mantén o pulso, e, malia que as vendas rara vez sobrepasan a condición de testemuñais, segue a publicarse unha nutrida variedade de traballos, algúns dos cales, máis alá do seu contido musical, adquiren polo xeneroso coidado da súa edición a natureza de pequenas obras de arte. Ai, malditos románticos!

Proba disto son os nove discos que aquí se recompilan. Sen ningún afán de ránking. De feito, preséntanse por rigorosa orde alfabética. Nove discos que testemuñan o extraordinario momento creativo polo que pasa unha escena musical galega que, a pesar diso, dista aínda moito de achegarse sequera ao tan ansiado como necesario status de normalización. Nove discos que son reflexo da enorme variedade de propostas que hoxe conviven na nosa música. Rematou calquera tentativa de monopolio. Entre o máis interesante que musicalmente se está a editar en disco hoxe en Galicia hai ecos do tradicional, do rock anglosaxón, da canción de autor, do rap, do jazz e mesmo do pop, o grande esquecido durante longo tempo na música galega. Imos aló.

Da man, de novo, de Iago Lorenzo na produción, as de Agoraphobia despacharon un disco visceral, opresivo e ferinte na súa execución e no seu concepto. Unaligned é unha labazada que impacta chea de rabia e cunha intensidade voluntariamente incontida. Nu-metal, stoner, post hardcore, grunge... Ata ecos das Riot grrrl asoman nos dez cortes deste disco que debería confirmar definitivamente ás de Boiro como unha das grandes bandas de rock alternativo millennial do Estado.

O que Budiño fixo en Fulgor é un exercicio de valentía inaudito. Poderache gustar máis ou menos, poderás concordar ou non, pero, ai, amigo!, cando un artista se marca un dobre mortal sen rede como o que traza Budiño en Fulgor non queda senón presentar os respectos e renderse ante tamaño atrevemento. E máis nestes tempos tan propios do acomodamento e a impostura. Quedamos sen gaiteiro, pero gañamos un cantante. Budiño desprendeuse do instrumento que o acompañou durante décadas para botar man da guitarra, do piano e da voz, nunha serie de composicións que, postos a situalas, achéganse ao pop, pero nas que se adiviña un substrato asentado no jazz, na tradición e mesmo en certo sinfonismo de base electrónica.

Tras oito anos de silencio discográfico, o grupo seminal do hip-hop galego, Dios Ke Te Crew, reapareceu neste 2019 «para dicir o que non se dixo», como proclaman en Silenciø, o tema co que abren O ciclo da serpe, un disco sen fisuras e desbordante de compromiso que nos devolve aos de Ordes en estado puro.

CANCIONEIRO PROPIO

Con Immersion, Guadi Galego achegou un xeito inaudito de revisitar o cancioneiro propio. Doce cancións cantadas en sete idiomas peninsulares que percorren transversalmente a discografía asinada pola artista de Cedeira. Cancións absolutamente reinventadas. Desfeitas e voltas a facer cunha personalidade radicalmente distinta da orixinal.

No mes de abril, cando escoitei Segundo fogar escribín que tiñamos serio candidato ao mellor disco galego do ano. E aquí estamos. Mírese por onde se mire e escóitese por onde se escoite, o segundo disco de Os Amigos dos Músicos é unha delicia. Un tratado sublime de como facer música chea de contemporaneidade, enfiando con exquisita sutileza e con exemplar naturalidade emocións aprehendidas aquí e alá. Da tradición e do acervo musical popular ao pop. Do que nos é máis próximo e de sonoridades chegadas alén do mar pero ás que, en absoluto, somos alleos.

A canción de autor está a adquirir en Galicia unha nova, reconfortante e estimulante dimensión da man de artistas como Silvia Penide. Non tiña doado a cantora e compositora coruñesa superar o listón que ela mesma se marcou co seu delicioso Todo pintado de plata. Pero neste 2019 chegou El efecto boomerang e demostrou, con só seis cancións, que a súa capacidade para xerar emocións non acadara, nin moito menos, o seu límite.

Xunto a Xabier Díaz, Tanxugueiras é o mellor que lle ten pasado á música tradicional galega nesta década que se nos vai. Co seu disco de debut chegaron a onde case ninguén chegou. Grazas a un discurso fresco, espontáneo, actual e comprometido. Agora, en Contrapunto, amósanse despoxadas por completo de artificios, cunha sonoridade que desprende autenticidade por todas as súas bandas. Un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado. Que boa falta facía.

Unha auténtica apisoadora sonora. Iso é Death await us all, o disco asinado este ano por Thee Blind Crows. Moito punk rock, garage, coqueteos co stoner, co blues e ata co western surf asómanse a este disco de densidade e profundidade inauditas.

Unha melodía de só catro notas recollidas dunha balada cantada por súa avoa hai 40 anos serviulle ao saxofonista Xosé Miguélez para artellar unha xoia sonora que transcende con moito aos amantes do jazz. Ontology é unha lección de jazz moderno e vangardista, aínda que con raíz clásica, á procura dunha personalidade sempre inconformista, a de Miguélez, que está xa a atraer moitas miradas internacionais.

MOITOS MÁIS QUE ESTES NOVE

Quedan no zurrón deste 2019 moitos máis discos imprescindibles que os nove comentados nesta escolla. Aí está o descarnado Ilegal de Rebeliom do Inframundo; o refrescante exercicio de pop deluxe e dancehall que é Cuatro estaciones, de Presumido; o alentador Love Scum & Dust de Furious Monkey House; o optimismo do Había que intentalo de Familia Caamagno; o desparrame de cumbiatune de Chicho & Sus Chichas de Ortiga; o sedutor aroma a pop retro de Sortilegios de Cora Velasco; o combativo Rabia ao Silencio de Sés; ou os aires renovadores que chegan neste tramo final do ano da man do Turoqua de Marcelo Dobode.