Sabela: «Cantar en galego non é unha reivindicación, é o natural»

FUGAS

DAVID CATÁ

A artista das Pontes estrea o primeiro disco, «Despedida», o día 29 de novembro. Un álbum íntimo que xa aplaude parte da crítica

23 nov 2019 . Actualizado a las 14:14 h.

Está nerviosa e non oculta que neste primeiro traballo vén de deixar toda a súa enerxía, esa forza dunha voz única que tanto destaca de Sabela Ramil (As Pontes, 1993). O día 29 de novembro presenta o seu álbum, Despedida, e despois de escoitar o single boa parte da crítica rendeuse a esta nova Sabela, que segue a beber da tradición do folclore galego, pero que despega as súas ás cara a novos sons, nese sentir estético dun romanticismo que lle é propio. Sabela foxe do ruído explosivo do canon millennial, fiel ás raíces que tanto lle acaen (Guadi Galego, Baiuca, Berrogüeto...), pero quere máis. E, como Zahara ou Vega, das que se amosa abertamente fan, busca unha identidade que xa aplauden os milleiros de sabelistas. Ela repite unha e outra vez que non se conforma e que arriscar é o único modo de avanzar na arte.

-Por que ese título de «Despedida»?

 -É unha despedida dos meus temas, de todo o que levaba composto; dalgún xeito tiña a necesidade de despedirme de todo este proceso e comezar algo novo. Abrir a porta a novas experiencias.

-É tamén unha despedida da Sabela de «OT»?

-Si, máis que despedirme é aceptar que esa etapa rematou, e abrir outra. Non quere dicir que me esqueza desa Sabela, porque obviamente é unha parte de min moi bonita.

-Cara a onde van eses novos sons?

-A estética do disco está moi ligada ao que son eu, que son unha persoa moi unida á terra, á natureza, ás raíces a nivel musical, pero tamén son unha persoa á que lle gusta soñar, explorar novos mundos, e teño esas dúas partes: a máis reflexiva e a onírica, pero sempre ligada á terra. O disco é variado: hai desde pop indie ata aires máis íntimos, sen tanta produción, e algúns temas que utilizan esencias do folclore galego.

-Mesturas galego e castelán. Non querías poñer límites?

-Non, porque cando compoño fágoo nos dous idiomas. Hai algúns temas que me saen en galego e outros en castelán, de forma natural. Non penso: «Este vou facelo en galego». E a elección do álbum foi exclusivamente polo carácter musical, os temas que máis me gustaron e mellor quedaron, non pensei en ningún momento na lingua. Son temas propios e algúns que compuxen con outras persoas, e hai só un tema doutro artista.

-Algunha xente que escoitou o «single» escribiu cousas como: «Con Sabela siento felicidad, sentimiento a flor de piel». Que supón?

-Moita satisfacción, agora que saíu o adianto do single, pois para min é moi bonito chegar a transmitir o que quero. Porque ás veces ti podes cantar moi ben, pero transmitir sentimentos é outro tema. E ao fin é para o que serve a música, para emocionarse.

-Viviches a xira enorme con «OT». Como foi ese momento do fenómeno fan?

-Ao principio algo moi raro, estaba abrumada, o que pasa é que eu sempre fun consciente de que todo ese remuíño ía unido a OT, todo ese fenómeno fan.

-Pero ti tes un núcleo moi duro de sabelistas, xente moi fiel...

-Teño un grupo de seguidores e seguidoras moi bo, sinto que son moi respectuosos, dan a súa opinión, e eu valóroa moitísimo. Sempre intento falar un anaco con eles nas firmas, e se non, polas redes.

-Pero pensas neles cando compós? Pensas en como van recibir iso que escribes?

-Non, cando estou compoñendo non. Aí estou na instrospección concreta de rebuscar e non penso no que será, porque se non estaría limitándome constantemente. Si que é verdade que despois, cando estou na produción, penso o que pode funcionar ou non.

-A quen lle ensinas primeiro o que tes?

-A Mateo, o meu guitarrista, e á miña parella. Eles son as dúas persoas.

-E se non é positiva a resposta?

-Pois pregunto a máis xente [ri]. A min axúdame ter outras opinións, así podo medrar. Aínda que ás veces podes empezar a refacer un tema e acabas nun punto peor, nunca sabes nese caso como vai acabar o proceso. Intento deixar repousar as cancións, grávome co móbil nun vídeo e de aí a uns días volvo escoitala, a ver se só era a emoción do momento ou se serve para traballar.

-Falas da túa parella, cantas moito na intimidade?

-Canto, pero non son das que o fan en familia. Como estou todo o día co piano, moitas veces cando lle digo a el: «Ven, que che vou cantar unha cousa», respóndeme: «Non, que xa a escoitei mil veces!» [ri], porque eu non me dou conta, pero el está aí escoitando todo o día.

DAVID CATÁ

-Parece que cando entrades en «OT» algún público adolescente pensa que é un chegar e encher, pero hai moito esforzo detrás.

-Si, a xente vén moi formada, hai autodidactas tamén, pero claro que hai traballo. Eu estudei unha licenciatura, e fixen ata grao medio do conservatorio, e cando estudaba clarinete tiña que practicar tres ou catro horas diarias; tamén fixen piano, dei clase con Rosa Cedrón... Si, ademais, eu tomei consciencia un pouco tarde de que tiña que aprender a cantar, porque, se non, ía estragar a voz.

-Falan de ti como «artesana de la voz», vai contigo esa definición?

-Si, eu creo que isto é un oficio, explorar e non conformarse. O artesán está todo o tempo traballando, mellorando; gústame.

-Dá a sensación de que ti non estiveches moi cegada por «OT», que tiñas claro o camiño, fronte a outros compañeiros.

-Máis que saber o meu camiño, si sabía que OT era algo pasaxeiro, que por suposto gocei, sabía que era unha oportunidade única que tiña que aproveitar, pero cos pés na terra. En canto a vivir da música, ao principio si que te perdes, tes momentos de caos, pero se confías…

-Sentes que tes o control sobre o teu traballo?

-Si, si. Eu teño un equipo detrás, pero ao final son eu quen decido se vai así ou non.

-Cales eran as túas preocupacións neste disco?

-Se cadra isto mesmo: non optar a facer o que eu quería, antes de coñecer a industria tiña eses medos. Se finalmente tería esa capacidade para crear o que eu quería facer.

-Amaia falaba dese medo, e que simplemente hai que afrontalo. Ti tamén sentes o mesmo?

-Si, pero máis ligado a que un día se me esgoten as ideas, pero ao final tes que confiar en ti. Trato de afrontalos, coma Amaia, aínda que o medo axuda a estar un pouco alerta.

-Fronte a ese éxito brutal de Aitana, ou de Amaia noutro sentido, ti queres unha carreira pasiño a pasiño?

-Si, é a miña maneira de facer as cousas, teñen que medrar de xeito natural. Eu non pretendo que sexa grande desde o inicio; se ten que facerse grande, pois estupendo. Pero eu o que quero é estar orgullosa e a gusto co que estou defendendo no escenario.

-Iso é o éxito?

-Si, estar satisfeita co que fago, e seguir aprendendo e non quedar aí. Eu sempre estou no seguinte, non me conformo, de feito cando rematei o disco xa estaba pensando: «E agora que?».

-Ti achegaches a Rosalía (a nosa Rosalía) a moita xente nova, poemas en galego que cantaruxan os adolescentes.

-Eu o que penso é que se un tema a nivel musical é bo, e á xente lle gusta, o idioma non é o foco principal. Cada un compón na lingua que lle é natural. Para min prima máis o aspecto musical, e o idioma é algo natural.

-Algún académico, ao verte cantar no Día das Letras, dixo que ti fixeras máis polo galego que moitos proxectos de política lingüística. Que supón?

-Ao final estar nun programa como OT, que chega a tanta xente, axuda a esa repercusión. Chegou a un tipo de público que ao mellor non está noutras canles nas que se traballa polo galego, iso é certo.

-Pero ti reivindicas ou non?

-Eu quero quitarlle a reivindicación ao galego e facelo natural. Para min o galego vai na miña alma musical e persoal, e por iso decidín utilizar ese repertorio.

-De feito, cando os profesores de «OT» che din, sorprendidos, «por segunda vez vas cantar en galego?», ti respondes: «Non preguntades cantas veces van en castelán ou en inglés e van moitas, todas!».

-Claro, claro. É así, é tan simple. Pero o inconsciente xoga esas malas pasadas; eles seguro que cando se escoitaron viron que non tiña sentido. É un idioma coma outro, e dá igual se canto dúas ou tres ou catro en galego, seguro que o público o entende mellor que o inglés [ri].

-O teu «look» tamén vai nesa liña romántica, ten moito que ver contigo?

-Si, no onírico, na reflexión, na serenidade, identifícome con iso. Son moi reflexiva, e gústame ese aire de misterio. Logramos poñer a miña esencia aí.

-Sabela é misteriosa?

-Máis que misteriosa, se cadra o que eu son é máis introspectiva. Sempre estou no debate constante do meu interior: a miña mente e as emocións, e a adaptación do que pasa tan rápido no mundo.

-Na intimidade co teu mozo falas galego?

-Con el non, a súa familia é andaluza, e con el falo en castelán. Co meu compañeiro guitarrista e coa miña familia, en galego, pero como lle cadra.

-Con que Rosalía quedas: coa nosa ou coa cantante que arrasa hoxe?

-Coas dúas, as dúas son moi reivindicativas e as dúas arriscaron no seu tempo. Gústame a xente que arrisca: se uns falan moi mal e outros moi ben, creas reflexión na sociedade. A arte está para iso.

A Coruña Fnac VENRES 29 18.00 HORAS FIRMA e SHOW

VIGO CARREFOUR SÁBADO 30 12.00