Guadi, así construíu os seus soños

FUGAS

cedida

O divulgador cultural Pepe Cunha traza neste libro, e dende unha perspectiva case coral, un fascinante perfil musical da artista de Cedeira

05 dic 2019 . Actualizado a las 16:26 h.

Recolle Pepe Cunha no parágrafo final do relato central deste libro unha inapelable cita de Guadi Galego: «A perfección é a maior das mentiras». Tremenda verdade. Se cadra por iso acadala hai tempo que deixou de ser unha meta para a artista de Cedeira. O transcendente é o tránsito e o que nel vai acontecendo. De feito, a traxectoria musical de Guadi Galego quedou marcada por unha sucesión deles, dos que dá certeira conta esta coidada e rigorosa edición.

Guadi Galego. Pola beira da canción non é unha biografía da artista. «Só aborda a parte da súa vida que ten que ver coa música», apunta o autor. A cuestión é que case todo na vida de Guadi ten que ver coa música. Polo que, dun ou doutro xeito, no discorrer deste ameno relato van aparecendo a súa familia, os seus amigos, os músicos cos que compartiu aulas ou palcos, xornalistas e mesmo hostaleiros dalgúns dos locais que frecuentaba. De todos eles sérvese Pepe Cunha para trazar un retrato no que non queda fóra de plano ningunha perspectiva.

Un grande achado, sen dúbida, que resulta de notable axuda á hora de mergullarse no periplo musical e vital de Guadi. Imposible subtraerse ao contaxio da paixón daqueles que falan. Aínda así, puntualiza Pepe Cunha que non quixo facer un libro só para eruditos nin só para fans. «Intentei que fose agradable para calquera. Un punto de encontro entre aqueles aos que xa lles gustaba Guadi e aos que non, entre quen xa sabía dela e quen quere aprender».

Guadi Galego. Pola beira da canción é o primeiro libro de Pepe Cunha. Quen o diría. O autor, acreditado divulgador musical que vén desenvolvendo este labor dende o seu portal Abretedeorellas.com, ben podería ter tomado como fío condutor da obra a inxente cantidade de documentación e información recolleita. Desbota no entanto esa opción estritamente documentalista e opta por artellar un relato baseado nunha serie de conversas coa artista e cos seus colaboradores musicais máis achegados. «Non quería limitar o libro á miña visión, senón corroborala ou matizala, inserindo no meu bosquexo as achegas de xente importante na súa vida», di Pepe Cunha.

Desa estrutura nace un relato áxil e ameno que se vai tecendo e enriquecendo a medida que avanza o libro, xerando no lector novas inquedanzas e curiosidades que de seguido e de xeito natural atopan cumprida resposta. Ata o punto de que por momentos un ten máis a sensación de estar participando dunha pracenteira conversa que de estar lendo as páxinas escritas dunha obra.

SEMPRE ESTÁ ONDE A ESPERAMOS

Natural é precisamente a palabra que máis se repite en Guadi Galego. Pola beira da canción. Porque malia as inverosímiles, e ao tempo valentes, reviravoltas que teñen acontecido na súa traxectoria musical, un acaba concibíndoas como un proceso «natural», como unha evolución case inevitable, como unha fértil constante que fixo, e que fai, de Guadi quen é. Velaí outra das habilidades do relato. E do relator.

«Sei de sobra que un artigo ou un libro ten maior repercusión e adoita ser máis recoñecido se xera algo de morbo ou polémica», sinala Pepe Cunha. «Pero no caso de Guadi era imposible. Non atoparás a ninguén que algunha vez estivese cerca dela que teña unha mala palabra», engade.

Xorde entón outro temor, o de que o libro se convertese nun panexírico. Os testemuños recollidos son tan variados e abrumadores que non dan lugar a esa opción. Dende os seus primeiros mestres ou os seus compañeiros en Berrogüetto, Espido, Nordestin@s e aCadaCanto ata os seus músicos actuais, pasando polo seu produtor, o seu representante, a súa parella, a súa familia... Non é doado atopar un personaxe no que concorran semellantes doses de beneplácito. Pero lonxe de calquera idealización, o lector acepta sen cuestionamento ningún que a Guadi que retrata Pepe Cunha é a Guadi real. Porque si, tamén están aí os seus temores, as súas incertezas, os desacougos e as súas fuxidas. Froito dunha «personalidade inconformista e mutante que atende a una necesidade vital», como explica Xabier Díaz.

Tralo certeiro limiar de Teresa Cuíñas ?«Guadi sempre vai estar onde a esperamos»?, Guadi Galego. Pola beira da canción fai un percorrido cronolóxico pola traxectoria da artista de Cedeira: os seus primeiros contactos coa música xa dende a infancia, a súa chegada a Compostela e a toma de contacto co ambiente musical, o seu paso por Berrogüetto, os seus proxectos paralelos e a súa traxectoria trala saída do grupo ata chegar ao seu adeus ao tradi e ao seu abrazo ao pop nos tres discos editados baixo o seu nome. O libro complétase cunha extensa entrevista á artista, unha recompilación do que sobre Guadi din xentes da música, un repaso a todos os seus discos, en grupo ou en solitario, e un álbum fotográfico.