Os festivais vanse ao pobo

FUGAS

FUGAS

Comarea Experience, Agrocuir da Ulloa, Xironsa, Entre Bateas, Extruga Street ou o de Poesía do Condado levan esta fin de semana a música a lugares infrecuentes

30 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ocupan portadas nin enchen tremendos espazos. Tampouco son receptores de grandes apoios institucionais. Non hai detrás deles potentes empresas promotoras. Ao contrario, na súa meirande parte son autoxestionados, cunha inxente dose de vontade e esforzo, por asociacións culturais sen ánimo de lucro, pero cunha grande carga compromiso.

«O noso obxectivo é promocionar, activar e dar vida á zona da Costa da Morte, a gran esquecida culturalmente de Galicia», comenta Manuel Nogueira, organizador do Comarea Experience de Muxía, un festival no que conviven a música electrónica e as urbanas e que ten a Carl Craig (na foto), pioneiro imprescindible da escena techno de Detroit, como senlleiro atractivo. Tamén forman parte do cartel o Dj e produtor Rafa Barrios, Fernando Costa, Blanca Ross e Víctor Fernández. O talento galego quedará patente da man de Sergio Capelán, Wavy Gravies, The Fabulous Resaca Brothers, Mascada ou Rapariga DJ, entre moitos outros. Sempre coa sostibilidade e o respecto ao medio ambiente como outro dos sinais de identidade do evento.

As principais dificultades para este tipo de propostas chegan á hora de abordar a súa financiamento. «As axudas oficiais que recibimos non chegan a cubrir nin ao 10% do noso orzamento», explica Bruno Lopes, un dos promotores do festival de Poesía do Condado, que este ano acada a súa 33.ª edición. Unha edición dedicada ao internacionalismo, tenrura dos pobos. «A defensa da nosa lingua, da nosa cultura e dos dereitos nacionais sempre estivo na esencia deste festival. Se cadra, por iso temos máis difícil o acceso ás axudas», incide Lopes. Aínda así o festival non deixa de medrar en cada edición. No apartado musical, a partir das 22 horas de mañá subirán ao seu escenario principal Sés, Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew, Liska e Sapoconcho sem Poncho.

Non é menor o compromiso que asume o Agrocuir da Ulloa, que se celebra en Monterroso. Neste caso a prol da visibilización e a reivindicación da diversidade sexual e de xénero no ámbito rural. A praza do Froito acollerá hoxe os concertos de Mounqup e Boyanka Kostova e unha performance de Nelu Vermouth. Na intensa xornada de mañá no souto de Caracacho haberá obradoiros, contacontos, ecoxinkanas, cantos de taberna e as actuacións de Carmen Conde con Nastasia Zürcher e Omiri.

A parroquia cambadesa de Corvillón acolle o festival Xironsa. É a súa 19.ª edición se ben é certo que foi nos últimos anos cando o evento transcendeu dun encontro de música tradicional para se converter nun festival, máis ou menos, ao uso. No programa desta noite figuran Sés, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Leirabuxo. No de mañá Os Resentidos e Xosé Lois Romero & Aliboria. ¡Case nada! E todo de balde.

Ao outro lado da Ría, na Pobra do Caramiñal, o Entre Bateas, tamén gratuíto, aposta pola vertente máis tralleira. Toundra e Aphonic encabezan o menú musical desta noite. Koma e Escuela de Odio, o de mañá.

E se Vigo ten O Marisquiño, Verín da man da asociación Longodub ten, ¡arre demo!, o Extruga Street, unha máis que voluntariosa proposta que acada a súa terceira edición. Graffiti, BMX, batalla de galos e outras disciplinas urbanas conviven cunha programación de concertos que hoxe protagonizan SonDaRúa e Kaixo e mañá Dakidarría, Skandalo GZ, J Dose e Sara Lugo.