«Son un militante da ilusofonía»

FUGAS

cedida

Segue a ser todo un referente na música popular brasileira. E na súa poesía. En Chico César non sen entende a unha sen a outra. Foi un dos participantes da primeira edición do Cantos na Maré, festival ao que 15 anos despois retorna

12 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu ideal por dignificar a música e a poesía, alí ata onde el chegue, non entende de fronteiras. Soubo aproveitar coma ninguén as raizames africanas da música popular brasileira, pero sempre esquivando o evidente. Investigando, experimentando, arriscando. Certo que fóra do Brasil non é todo o coñecido que debería, pero para os grandes músicos do seu país e para intérpretes como Maria Bethânia ou Daniela Mercury, que cantaron as súas composicións, Chico César é case unha deidade. E, por suposto, unha referencia permanente.

-Formou parte do primeiro Cantos na Maré e aquí está de novo, 15 anos despois. Como se sente?

-Cantos na Maré foi algo moi importante na miña vida porque iniciou o meu diálogo con Galicia. E eu Galicia non a entendo só como unha terra ou un lugar. Para min é un sentimento. Galicia é un pobo que loita pola súa lingua, polos seus costumes, pola súa autonomía cultural. E eu identifícome moito con iso.

-Cantos na Maré é a festa da lusofonía. Advirte no Brasil ese sentimento de colectividade lusófona?

-Dun xeito desenfadado e un tanto poético eu sempre digo que son militante da «ilusofonía». En encontros como Cantos na Maré sempre vive unha ilusión. Son unha aventura para o corazón, chea de sensacións irmás e fraternas, pero diferentes. Para min Galicia, o Brasil, Portugal, Angola, Guiné-Bissau ou Cabo Verde non son senón froitos dunha mesma raíz.

-Primeiro chegounos a bossa nova, despois o tropicalismo e a MPB... Que está a acontecer agora na música brasileira actual?

-Antes da bossa, e non menos importante, tivemos a Carmen Miranda, que foi moi importante para a propagación da cultura brasileira. Respecto á música de hoxe, o que vexo é que hai moitos contactos con artistas de Angola, de Portugal, de Cabo Verde e mesmo de España, como Jorge Drexler ou Javier Ruibal. Eu sinto que os novos músicos brasileiros, os que veñen despois da miña xeración, séntense confortables cun tipo de relación máis aberta ao mundo que nós, ao noso modo, establecemos. Iso é moi bonito.

-Fala de contactos con músicos africanos. África é a nai de todas as músicas?

-África non só é a nai de todas as músicas. É a nai de todos nós. E, por suposto, a raíz de todas as músicas do mundo é inevitablemente negra. E iso é bo porque nos une e nos iguala a todos, independentemente da cor da pel ou da cultura local. É unha pena que esa percepción non sexa aínda xeral.

-Máis alá do lecer, vostede concibe a música como elemento de socialización para os máis desfavorecidos.

-A música é una ferramenta social moi importante. Non só para os países pobres. Mesmo para os europeos, que tantos problemas tedes cos migrantes, a música podería ser un elemento de integración moi útil.

-Vostede foi secretario de Estado de Cultura. É bo mesturar a música coa política?

-Eu sempre son político. Dende que tiña 5 anos e a policía invadiu a miña casa para deter a meu irmán porque estaba en contra da ditadura militar daquela época. Alí, xunto coas botas dos militares, a política entrou na miña vida. E formou parte sempre da miña actitude e da miña arte. O que tiven durante 6 anos foi a oportunidade de traballar como xestor na Secretaría de Cultura do meu Estado. Ter a oportunidade decidir que facer cos poucos cartos destinados á cultura foi unha experiencia incrible. Pero tamén é certo que despois de pasar polo goberno e pola burocracia eu tornei máis anarquista e o meu discurso poético é máis directo.