As cadeas da prisión

La Voz

FUGAS

Oscar Vázquez

Unha proposta necesaria para activar a reivindicación e para concienciar da verdadeira e tráxica dimensión social da violencia machista exercida contra as mulleres. Nela fálase de cadeas que non son de ferro

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Asómase Antía Yáñez (Burela, 1991) á narrativa para un público adulto e faino con incontestable fortuna ao resultar galardoada esta súa novela no Premio Illa Nova de narrativa, organizado pola editorial Galaxia.

Senlleiras aborda, desde as primeiras páxinas, un obxectivo moi diáfano como é o de evidenciar e denunciar, a través dun exercicio de ficción, as secuelas que xera a violencia machista, onte e hoxe.

Para iso Yáñez bota man de xéneros diferentes cos que esta literatura realista se enriquece como son, por exemplo, trazos da novela detectivesca, pois o argumento parte da morte dunha influencer e, en boa medida, o seu desenvolvemento procura atopar unha explicación á súa estraña desaparición.

Ao tempo hai espazo para, en certa maneira, incorporar elementos da novela histórica, a través dun argumento parello ao contemporáneo e marcado polos malos tratos, e outros de filiación fantástica ou, se quere, relacionados co ámbito do sobrenatural.

Ademais, Senlleiras opta por un xogo heteroxéneo en canto aos puntos de vista narrativos, exhibe un contrapunto atinado na evolución das liñas argumentais e agrega un corpus relevante de textos que van de retallos doutras pezas literarias a outros xornalísticos -moi interesante resulta a recuperación da figura da articulista Corona González-, sen obviar a funcionalidade e importancia que teñen as novas tecnoloxías no ámbito da comunicación interpersoal e colectiva hoxe en día.

Apenas, ao meu ver, un elemento pode embazar unha moi digna novela, como é a ruptura das convencións lingüísticas adoptadas con normalidade para personaxes que, por unha razón ou outra, non empregan o galego, sospeito que pola intención de verosimilitude, aínda que existen outros recursos.

Dun ou doutro xeito Senlleiras é unha novela probablemente necesaria que trata con transparencia e efectividade a vagarosa construción desa arañeira que invisibiliza e anula neste caso a dúas mulleres, pero tamén outras moitas máis.

AUTORA

ANTÍA YÁÑEZ

EDITORIAL

GALAXIA

356 PÁXINAS

19,70 EUROS