Hábiles interrogatorios


Leva razón Francisco Xavier Redondo cando sostén que o acrónimo TOP (Tribunal de Orden Público) apenas lles di nada aos nacidos en democracia. Esa lei natural que é o paso do tempo serve para explicar case todo. Pero seriamos inxenuos se non tivésemos en conta que a Transición, cos seus espazos de sombra, ergueu algúns muros na memoria que aínda non deixan ver o bosque.

O TOP conformouse como unha xurisdición especial que botou a andar en 1964, en plena celebración dos 25 años de paz impulsados por Fraga, e ata xaneiro de 1977 exerceu a tarefa de persecución e represión de delitos políticos que procuraban «subvertir los principios básicos del Estado o sembrar la zozobra en la conciencia nacional». Os eufemismos policiais que agochaban torturas deixaron para a posteridade unha expresión tristemente evocadora na loita antifranquista: «Hábiles interrogatorios».

A Pedro Ordás de la Fuente, ferroviario coruñés, tocoulle ser o primeiro galego xulgado e condenado polo tribunal, en xuño de 1964. O derradeiro posto na lista correspondeulle a un labrego da Laracha, José Carrillo Rebón, que rendeu contas ante a xustiza en novembro de 1976. Redondo cita como referencia capital unha obra escrita polo antigo maxistrado Juan José del Águila Torres, El TOP: la represión de la libertad (1963-1977), ausente do mercado editorial ao pouco de saír do prelo, no 2001, por «problemas de almacenaxe».

Ás veces o paso do tempo explica menos amnesias das que pensamos.

Votación
2 votos
Comentarios

Hábiles interrogatorios