«Martín Codax ten o mesmo valor que Beethoven»

O incansable artista vigués volta a Galicia para recrearse nun percorrido pola música medieval, a través de tres espazos que formarán parte viva do repertorio


Erudito da música celta e tradicional, a curiosidade de Carlos Núñez por descubrir novos (ou vellos segundo se mire) camiños sonoros mantense intacta. Recoñecido como o músico galego máis internacional, o vigués levará ata Ourense os instrumentos do Pórtico da Gloria, cunha serie de tres concertos no interior dos monasterios de Santo Estevo, Oseira y Montederramo.

-Ás veces utilízase moito a descrición de concerto único, pero neste caso a expresión está máis que xustificada.

-A verdade é que si. Ás veces os artistas entran nun bucle de tocar ao aire libre, que se chove que se non chove, os toldos... Levabamos xa moitos anos tratando de levar os concertos a lugares especiais, a espazos onde a música sirva tamén para revalorizalos. A súa historia, a súa arte. Sumar conceptos e valores. Neste caso música e turismo, por exemplo. Estou convencido de que este é o camiño.

-É Galicia o mellor lugar para levar a cabo esas sinerxías das que fala?

-Téñoo falado con moita xente. Galicia tería que ser, de xeito natural, o centro mundial ou europeo da música medieval. Temos un patrimonio de cantigas e un instrumentario marabilloso que aparece aquí antes que en calquera outro punto. As cantigas de Martin Codax ou de Afonso X O Sabio teñen o mesmo valor para a música que a Novena Sinfonía de Beethoven ou as Catro Estacións de Vivaldi. Cada unha no seu ámbito e estilo, pero no medieval esas cantigas son universais.

-Soa diferente a música dentro dos templos?

-Sen dúbida. En cada un destes lugares a acústica ten a súa propia personalidade. Tan forte que tes que adaptar o repertorio e os tempos ao lugar. Dicíame un monxe de Oseira que o líder de Pink Floyd (a lenda sitúa a Syd Barrel no lugar) viñera aquí a inspirarse e compoñer. Nas igrexas a música cambia, a acústica pasa a ser un instrumento máis.

-É curioso como a música de hai 800 anos revive a través dos instrumentos e chega ata o público de agora, e logra manter a curiosidade.

-En California, na última xira que me levou a Estados Unidos me dicían que non entendían coma os músicos indies europeos non collían eses instrumentos medievais que estamos mostrando e preferían optar polo ukelele (en USA o instrumento tomouse de Jamaica). Temos moita materia prima que usar.

-Vostede é un músico viaxeiro, aínda aprende en cada ida e volta?

-Eu teño a sensación de que continuamente estou aprendendo. Explorei o flamenco, as melodías irlandesas, as brasileiras... A música namoroume. A perspectiva que teño eu da música é que podería utilizarse como unha ferramenta para chamar á xente. É bonito facer país fóra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Martín Codax ten o mesmo valor que Beethoven»