O letrista de Björk escribe a ritmo de cine

Tras ler esta novela, traducida directamente do islandés polo poeta Elías Portela nunha versión excelente, non é difícil recoñecer a orixinalidade e potencia narrativa desta voz literaria.


O autor desta novela, se cadra máis coñecido por ser tanto responsable dalgunhas letras das cancións da cantante Björk como coautor da banda sonora da película Dancer in the Dark, de Lars von Trier, é unha das voces máis afamadas da literatura islandesa. Sjón articula en poucas páxinas unha proposta marcada pola intensidade emocional a través das vivencias dun adolescente orfo que vive clandestinamente a súa homosexualidade, entendida socialmente como unha abominación nun tempo que cadra, ademais, co da fin da primeira guerra mundial, co recoñecemento de Islandia como estado soberano unido a Dinamarca baixo un rei común e, por se fose pouco, coa epidemia de gripe española que asolou a capital do país.

Retrátase, pois, o Reykjavík daquelas datas sen que esta se poida considerar, en puridade, unha novela histórica pois o marco espacial e o temporal conseguen deseñar os perfís dun país ollado cunha perspectiva crítica, mesmo por veces mordaz arredor dunha nación que xira arredor de si mesma «exiguamente habitada».

As vivencias de Máni Steinn e o seu mundo interior, asolagado pola desolación vital, só se ilumina por un lado coas películas mudas que chegan aos dous cinemas da cidade que el devora con paixón e, polo outro, coa admiración que sente por Sóla Gudb: unha rapaza fermosa con quen percorre a cidade máis triste e abatida do mundo. O mundo homófobo polo que Máni se move e as dificultades que ten este rapaz que nunca existiu para atopar un sitio nunha sociedade represora marcan o ritmo dunha novela desasosegante, dotada dun estilo rotundo e sen concesións, onde se dá un encaixe brillante entre os elementos de filiación máis imaxinativa, onírica e por veces case surrealista, e aqueloutros máis claramente realistas.

Unha novela, por certo, que mesmo na súa estrutura recorda aos movementos dunha cámara cinematográfica, moi ben dirixida, por certo.

AUTOR

SJÓN

EDITORIAL

RINOCERONTE

154 PÁX, 17 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O letrista de Björk escribe a ritmo de cine