Cando se estreou en maio de 1992, en tempos do presidente George Bush pai, gran parte da crítica teatral estadounidense entendeu Oleanna coma unha réplica misóxina ao controvertido caso Hill-Thomas, a denuncia por acoso sexual que un ano antes interpuxera unha profesora contra un xuíz proposto para o Tribunal Supremo. Nunha primeira lectura atribuíaselle a Mamet un discurso ultraconservador que procuraba o enfrontamento co feminismo máis enérxico, pero interpretacións posteriores enmendaron esa conclusión e detectaron na peza unha crítica ao ensino falsamente progresista, así como un brillante xuízo ás complexas relacións entre linguaxe e poder. Vinte e cinco anos máis tarde, quizais a mellor virtude que segue a exhibir Oleanna é a súa capacidade para suscitar ese tipo de reflexións contrapostas, abrindo un debate entre quen pensa que se ataca o feminismo por opoñerse aos valores tradicionais da sociedade norteamericana, e os que ven no texto unha crítica libertaria ao autoritarismo do sistema educativo. En realidade, atendendo ao que se conta, non queda moi claro que o protagonista cometa o agravio que se lle presume, pero leva razón Manuel Vieites cando incide en que a dimensión dunha ofensa debe medirse tamén desde a perspectiva da persoa agredida. Do que non hai dúbida é que o mérito de todas as ambigüidades e silencios de Oleanna son propiedade de David Mamet. E que a violencia sexual é o triste retrouso dos nosos días.
AUTOR
DAVID MAMET
EDITORIAL
GALAXIA
TRADUCIÓN E INTRODUCIÓN
MANUEL F. VIEITES
144 PÁXINAS
14 EUROS