Catro vellos mariñeiros, versión rock

FUGAS

cedida

«Cantares» reúne 11 cancións de taberna e non ten que ver co feito ata agora por Seres Queridos

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:30 h.

Os itinerarios polos que transita a música popular -non confundir con tradicional- están cheos de reviravoltas. E á saída dunha delas topámonos de bruces con Eladio Santos. Viña, como os nenos de ben, cun disco debaixo do brazo. Un disco novo asinado cos Seres Queridos pero que nada ten que ver co que o grupo ten feito ata agora. Cantares, que así se chama, reúne 11 cancións populares galegas. Desas de taberna. Aí están Eu de Marín ausenteime, Catro vellos mariñeiros, Camariñas ou Habemos de ir a Viana. Amén dalgún himno da nosa canción de autor como Teño Saudade ou Quen poidera namorala.

¿Que fai Eladio en medio dese repertorio? Iso mesmo foi o que eu lle preguntei. «Eu todos os días gravo algo na casa. Ou algo meu ou unha versión, que tanto pode ser de Dylan como un clásico galego. Acumulei como unhas 20 e xurdiu a idea de facer con elas un cedé. Pero nunca se gravaron pensando que ía ser un disco».

Esa falla de preconcepto fixo que o disco careza tamén de uniformidade no formal. Hai temas como Marín sen ti que son levados ao terreo de banda de rock, outros como Flor da Murta que conservan a súa esencia folk e, se cadra o orixinalmente máis pop do disco, o Teño saudade de Andrés do Barro, desnúdase ata o minimalismo.

¿Hai no feito de sacar un disco coma este algo de compromiso coa cultura e co país? «Non sei se chamalo compromiso. Máis que un xesto social ou político o que hai é amor», comenta un Eladio que lembra que de neno eran estas cancións que se cantaban nas festas na súa casa. «Pero é un disco tamén para non galegos», engade, para descubrir e reivindicar a nosa tradición cantareira máis alá do folk celta. «E nesa reivindicación os que facemos música popular, entendida esta como todo o que hai entre A Roda e Metallica, podemos ter moito que dicir».

Polo de agora as cancións deste disco no serán más que un chisco nos concertos do grupo. «Faremos unha ou unha e media», di. Pero non se descarta que Cantares teña no futuro un directo propio.

VENRES 9, 22.30 H. VILAGARCÍA. BIANCO. 3 EUROS .