Susana Seivane volve este mes a subirse ao escenario de Ortigueira nun ano en que editará un novo disco, «FA», que recolle a súa transformación como nai. No festival presentará o proxecto «Interxeracional», que xuntará xoves promesas con músicos veteranos
14 jul 2016 . Actualizado a las 17:48 h.Susana Seivane (Barcelona, 1976) está que bota por fóra, como lle di a súa amiga Guadi Galego. Mañá toca na Golada, o venres farao en Ortigueira e só un día antes, o 15, no seu pobo, Cambre. Iso mentres segue a voltas coa edición do seu novo disco FA, que sairá en outubro, está dedicado aos seus fillos e terá un deseño no que colabora o seu xinecólogo, Chema Ríos, tamén músico. En Ortigueira compartirá cartel cunha banda que a apoiou para subir ao escenario: Milladoiro. Un dos seus fundadores, Rodrigo Romaní, produciu o seu primeiro disco e empurrouna a unha carreira profesional que lle leva dado recoñecemento a nivel internacional.
-Moito tempo de espera.
-Levamos con disco dende o 2012, cando quedei embarazada do primeiro neno, de Fiz, tiven traballo e logo veu Antón e aínda que toquei ata o quinto mes, despois tiven que coller a baixa. Non é fácil facelo porque é difícil conciliar a vida de nai coa de autónoma. Conto isto polas poucas axudas que temos as mulleres para conciliar o traballo e a familia, cando menos neste país. O disco vai ir dedicado aos meus dous fillos. Son todo composicións, non vai ningún tema tradicional e intento transmitir o que supuxo ese cambio na miña vida, todas as sensacións que tiven estando embarazada, que tiña as hormonas de repichoca todo o día. Estamos traballando sobre 17 temas, pero aínda non sabemos cantos irán. E tamén haberá peciñas curtas cantadas, pero non moitas, cousas que lles fixen aos nenos.
-Moito para un só disco.
-Desde que tiven ao meu primeiro fillo entrei nun momento de inspiración que non tivera antes. É o meu disco máis persoal e intimista e tamén minimalista.
-Como se reivindica neste momento a gaita?
-Eu fareino sempre porque paréceme o instrumento rei de Galicia e aínda que temos unha riqueza musical e instrumental amplísima. Tras o boom dos noventa agora está todo máis calmado, pero non só na música, en todas as ramas culturais e nos traballos. No plano cultural o 21 % estanos machacando e é difícil seguir aí. Nós podémonos sentir privilexiados, aínda que agora é todo máis difícil, teste que autoxestionar e temos os músicos hipotecas coma todo o mundo.
-Chega a pesar o apelido Seivane?
-Ao principio, si. E non me refiro a partir do primeiro disco, no ano 99, senón a cando comecei a facer concertos de gaiteira solista, moi noviña, aos 11 anos. Aos 10 viñemos de Barcelona para Galicia e xa era coñecida como a neta de Seivane, unha rapaciña que tocaba. Chamábanme de festivais, de Zas, de Pardiñas... e pasábao mal. Gustábame tocar, desde os 3 anos, era un dos meus xogos favoritos, pero dábame vertixe e tamén era, aínda que non me daba conta, porque me pesaba o apelido polo prestixio recoñecido a nivel mundial. Fan gaitas para todo o mundo, e tes medo de fallar ás expectativas. Pero estou orgullosa de todo o que fixen e do meu apelido.
-Volve a Ortigueira.
-É a cuarta vez cos meus músicos, tamén estivera con Celtas Cortos, coa Oysterband e con Kepa Junkera. Este concerto vai ser especial, chámase Interxeracional porque subirán músicos de moitas idades diferentes. Van colaborar nenos que saíron no Vai de gaita, de Luar, que son auténticos cracks. Participará María López á zanfona, Rubén Alcalde ao tambor e os gaiteiros Xaquín Bieito Martínez, Miguel San Román, Felipe Rey e Yago Bouzada e o meu sobriño Brais Seivane, que tamén toca o bombo. Todos, entre 8 e 13 anos. Ademais, tamén estarán os acordeonistas Andrés Penabad, que acaba de sacar o seu segundo disco, e Pablo Bermúdez, para quen é un soño tocar en Ortigueira. Estará a miña familia, o meu pai, o meu tío, a miña irmá e faltaríame alguén moi importante, o meu avó Xosé Manuel Seivane, pero dedicarémosllo a el. Conto tamén coa Banda de Gaitas de Ortigueira e os Gaiteiros de Buxantes para demostrar toda a riqueza que temos en Galicia e cando esteamos todos seremos unhas 70 persoas. Vai ser impresionante.