«Bichos» para aprender a respectar a todos os seres vivos

Carmen García de Burgos

FUGAS

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un referente en toda España, volve ao Pazo da Cultura para enchelo de todo tipo de seres minúsculos. A través de máis de 350 actividades, nenos de todas as idades descubrirán a vida que agochan os recunchos máis insospeitados da man da sorprendente Extravaganzza Pérez

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos son necesarios e cumpren unha función. Non importa o seu tamaño. Ou si. Canta bichería! é o nome do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano celebra o seu 17.º aniversario nadando nun prestixio acadado ano tras ano que o proclamou, sen medo a esaxerar, un dos máis completos e de máis calidade de España. Foi esa, precisamente, a razón que levou á escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2015, a aceptar o reto de escribir o libro de cabeceira deste ano. As aventuras de Extravaganzza Pérez son as que guían aos pequenos por Vila Soño para amosarlles todos os segredos que agocha, por exemplo, unha pinga de auga.

Non é retórica nin fala figurada. Quen vive aí? Visitando unha pinga de auga é o título que resume unha proposta que transportará aos máis pequenos ao interior do líquido a través de microscopios USB conectados a un computador. Alí descubrirán os diferentes tipos de organismos que viven nela. Tamén os que fixeron doutros lugares insospeitados o seu hábitat. Valéndose dunhas poucas ferramentas sinxelas, os máis curiosos construirán un taumatropo, o xoguete óptico considerado precursor da cinematografía, e con el descubrirán animais para despois situalos na súa contorna natural.

Tamén terán oportunidade de relaxar o intelecto por un rato -ou iso crerán- para cultivar o seu corpo. Un obradoiro axudaralles a recrear un solo a base de galletas e lambonadas para que aprendan do xeito máis doce posible como é a súa estrutura e as súas capas e como vive no seu interior toda a bichería que encerra.

E así ata 350 actividades diferentes coas que o Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pretende chegar a un total de 12.000 nenos de Pontevedra que xa están inscritos para participar nas propostas concertadas. Deles, 5.000 pertencen a algún dos 45 centros de ensino colaboradores, e outros 7.000 son escolares que asistirán aos sete espectáculos programados para Infantil, Primaria e Secundaria, así como ás visitas á sala. No seu interior, camuflado entre un decorado concienzudamente deseñado e executado durante semanas por varios artistas, estará Orbil, a mascota do Salón e un dos seus maiores atractivos.

Os outros son o teatro, os contacontos, os musicais, as proxeccións, as presentacións de libros e discos, os roteiros, os contos musicados, os contacontos-obradoiro -como o que ofrece Polo Correo do Vento sobre o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María- e as charlas. Destas últimas hainas inspiradoras -como a que destapa Outros animais sorprendentes de 20.000 leguas baixo dos mares- e menos inspiradoras -como a que versa sobre os bichos famosos, os que aparecen nas películas; ou a que permite a unha veterinaria ensinar aos nenos a entender aos animais sen necesidade da fala-.

O programa, que comeza oficialmente hoxe, é case infinito. Pola súa oferta e polo seu alcance, que non ten barreiras. Nin sequera para aqueles que teñan dificultades para ler, para quen o Salón do Libro ten preparada unha sesión con cans para mellorar as súas habilidades lectoras. Ou para os usuarios da ONCE, que terán o seu propio espazo no interior do Pazo da Cultura. No exterior tamén se habilitará unha pequena zona verde onde a bichería toda se dará cita. 

A de mentira, porque a de verdade está agochada dentro de cada libro para que os nenos a descubran cando queiran e a faga súa.

PONTEVEDRA. Pazo da Cultura. Do 1 ao 23 de abril