Vaia por diante que o de englobar na categoría rock a El Viejo Caracol obedece, máis que nada, á teima de poñerlle etiqueta a todo. En realidade, a banda ferrolá que lidera Óscar Fojo fai o que lle peta, como demostra no seu terceiro disco, Tanta memez
20 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Todo comezou hai cousa de sete anos en Ferrol. Un fato de tipos de gustos surtidos, dende o rock ao punk, deténdose no folk e o metal, xúntanse para facer música. Óscar Fojo, letrista e alma máter do asunto, gaña un concurso de cantautores e así gravan o primeiro dos tres traballos que xiran polo mundo adiante, á velocidade deste vello caracol.
-¿Tanto memo hai solto?
-Creo que non nos podemos queixar ultimamente. Sempre levamos un punto medio crítico e irónico. Eu escribo do que vai xurdindo, historias de carallada, de amor e desamor, pero é certo que neste disco vai algo máis de tema social. Como Marionetas, no que falamos dos políticos. Gravámolo, coma o anterior, no Abrigueiro, con Arturo Vaquero, un crack que nos leva polo rego. Presentámolo en Ferrol, estivemos por Lugo, Asturias, León, picando onde nos deixan, e agardemos que este verán vaia a máis.
-Ten pinta este caracol de ser un proxecto persoal.
-Máis que nada fago eu as cancións, así que ten bastante de proxecto persoal. Pero a influencia de todos, que somos sete, é moi importante. Cando chegou o saxo, Fausto, un musicazo, aportou moitas ideas... Eu levo catro acordes, o resto sucede no local.
-Polo que sei, ata o punto de meterlle mesmo zanfona a algún que outro tema.
-Foi cousa de Pichu [Miguel Pita, guitarra], que controla. Neste disco non, pero nos dous anteriores hai un par de temas con zanfona. É un punto, pero tamén unha tolemia, complicadísima de afinar e de empatar coas guitarras. Aínda a levamos con nós cando imos de formato acústico.
-¿Que tal o panorama?
-Complicado. Sobre todo para unha banda de sete cando os cachés que se están a pagar son de miseria.
-Se cadra, sendo sete, fai falla por aí unha Brancaneves.
-Pois igual non viña mal.
-Por certo, ¿como se levan as comparacións coa voz de Josele Santiago?
-Home, eu escóitome e tampouco se me parece tanto. Non son mal grupo Los Enemigos, aínda que non son un dos meus referentes. En nós conflúen o rock máis cru co rollo irlandés ou o punk. Que lle queres. É o que nos sae.