Reler

FUGAS

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O adagietto do cuarto movemento da Quinta de Mahler, fascinio e impureza, lévame a recordar. Ou reler. Empúxame a camiñar de novo (¿cantas veces?) O mar de John Banville. Esta obra mestra repousa no meu adentro constante, como as músicas máis amadas. Mahler, Bach, Mozart, Grieg, Vivaldi, Brahms, Beethoven... son partes da miña vida, como tamén o son Banville ou Cunqueiro. Paréceme unha contribución sobresaliente á cultura de Nós, e á cultura europea en xeral, que o selo Mar Maior edite Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos. Unha breve alfaia, obra mestra indiscutible. A prosa inaudita do señor de Merlín e Mondoñedo corre vizosa por este opúsculo de excelencias. É un libro como O mar ou como o adagietto de Mahler, soberbio. Creo que o hábito de reler importa máis que o ler mesmo. É unha opinión persoal e quizá non sexa transferible; pero sosteño con vehemencia, sen fisuras, que cos meus cincuenta pasados encontro máis goce nas relecturas que nas lecturas novas. Quizá porque acudo a estas con prexuízos, con ollos críticos, e non deixo que o lector hedonista apareza. Queda atado pola análise intrínseca da obra. Porén, nas obras ás que regreso, déixome levar pola ventura do pracer. Nada máis. E o pracer sinala que reler vale máis que ler. Pásame con Banville e Cunqueiro, pero tamén con autores máis próximos.

Darío Xohán Cabana, por exemplo. A re-creación dun pretérito mítico para Galicia constrúese dende unha linguaxe literaria feroz, maxistral e eximia. Non coñezo mellores novelistas na historia mitográfica galega que Cabana e Ferrín. Darío é un constructor de mundos plenos de beleza, arquitecto de marxes para o lector (flexibiliza a palabra escrita), rotundo gardián da dicción literaria de Nós. Tres das súas obras merecen tempo de relectura (todas, en realidade). Agrándanse, crecen. Falo de Galván en Saor, Morte de Rei e O cervo na torre. Quizá ganaría máis o alumnado galego dedicando todo un curso ao estudo e reflexión destas novelas, asunto imposible, que gastando tempo en novidades presumiblemente actuais plenas de retórica e tópicos e lugares comúns. Reler, insisto, importa máis que ler. E relectura, en suma, é A boneca de Blanco Amor, novela de María Xosé Queizán. Metaliteratura. Quizá a mellor obra de Queizán, tamén a máis intelectualizada. A min gustoume. Seguro que pronto conxugarei, con ela, o verbo reler.