«Normalmente cando chega a un colapso unha casa é por abandono»

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ MONDOÑEDO / LA VOZ

FIRMAS

Na área de rehabilitación de Mondoñedo hai 935 vivendas

08 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta Candocia, xefa da oficina de Rehabilitación de Mondoñedo que interveu nas xornadas organizadas por Espiga na localidade, fala das patoloxías e das pautas que aplican nos traballos que se levan a cabo no casco histórico.

-¿Cales son os problemas de Mondoñedo, na construción?

-Normalmente os problemas veñen case sempre polas humidades. Hai cascos históricos que teñen problemas moi gordos polas termitas, pero eu aquí nunca as atopei. Aquí temos moitos problemas por unha humidade na cuberta que acaba sendo unha humidade continua que ataca ás madeiras e acaba nun colapso da estrutura. O non manter ben as cubertas incide despois en problemas na madeira. A madeira se se mantén nun grao de humidade constante, se as casas están ben ventiladas, hai vigas de moitísimos anos que se manteñen moi ben.

-¿É de madeira o baixo cuberta? ¿Manteñen esa madeira nas restauracións ou utilizan outros materiais?

-Si, é de madeira e normalmente mantémola porque funciona moi ben. O problema é que hai casas moi abandonadas nas que non se leva o mantemento axeitado e hai entradas de humidades. Acabaríase resentindo calquera material moderno que houbera aí. O ferro tamén se oxida, o formigón armado tamén se resinte; o mantemento é fundamental.

-¿Para evitar humidades que sería axeitado facer? A Catedral, por exemplo, ten moitas humidades.

-A Catedral ten humidades importantes, pero non coñezo de onde ben o problema, porque isto lévao directamente o bispado, pero poden ser lousas que se moven, mal mantemento dos canos das baixantes...Ó principio son problemas sinxelos de solucionar pero logo se van a máis....A veces as casas están desocupadas e aparece unha gotiña colgando nun sitio que movendo unha lousiña se pode solucionar, pero si hai un problema xeralizado.... Bueno, logo a lousa ten un tempo de vida, chega un momento en que se meteoriza e se desfai e hai que cambiala.

-Tendo en conta o noso clima, ¿Cal é o material máis axeitado para as cubertas?

-Sempre as facemos en lousa, as cubertas de Mondoñedo son en lousa, lousa tosca... pero ó mellor hai cubertas que levan mais de cen años sen cambiarse. Foron facendo reparacións puntais, pero é un material que se se coloca ben, funciona moi ben nesta zona. Entendo que é o máis recomendable, tamén estamos falando cun casco histórico, con cubertas de lousas e calquera outra solución que funciona ben noutro sitio aquí desentoaría.

-¿Recomendan a madeira no baixo tellado e nos cuartos ou usan outro material?

-Nosoutros rehabilitamos sempre mantendo os sistemas construtivos tradicionais, rehabilitamos sempre en madeira. Encontramos edificios con douscentos e pico ou trescentos anos e que teñen vigas tradicionais e funcionan moi ben. Moitas veces están sen uso e necesitan unha limpeza, un tratamento superficial...Se están ben, se intentan limpar e reparar; normalmente son as que mellor funcionan, as que xa tiña a casa. A maior parte das casas tradicionais en Mondoñedo eran estruturas de, carballo, castaño. Agora mesmo intentas comprar unha viga desas e é complicado atopar unha madeira seca. Tes que ir outro tipo de madeira, eucalipto, abeto, a outras madeiras que veñen de fora... Pero na medida do posible mantemos o que hai.

-¿E a saúde do casco histórico mindoniense?

-No casco histórico hai casas desocupadas que é difícil localizalos donos, pero hai moitas casas moi ben conservadas. Ó mellor non porque se fixeron moitas obras, senón porque usaron materiais moi bos e aínda que agora necesitan repoñer instalacións ou arreglos, reparacións puntuais, as estruturas se manteñen moi ben. Eu aquí non atopei carcomas,. Normalmente cando chega a un colapso unha casa, que se funde, é por abandono.

-¿Cantas rehabilitacións teñen feito?

-Na área de rehabilitación, sobre 350 ou así. (...) Mondoñedo tivo máis poboación da que ten agora mesmo e temos moitas vivendas desocupadas, ese é un dos problema de Mondoñedo. Que temos casas desocupadas ou ocupadas temporalmente e casas moi grandes. No conxunto da área de rehabilitación temos 935 vivendas.

marta candocia arquitecta da oficina de rehabilitación mindoniense