«O máis difícil é conseguir actores comprometidos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

O grupo rianxeiro estreará o sábado a montaxe «Colón debe morrer»

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

En febreiro do 2011 botaba a andar en Rianxo Criaturas, un grupo de teatro estreitamente ligado ao instituto Félix Muriel. Co tempo, a compañía afeccionada foi consolidándose e desvinculándose deste centro educativo. Hoxe é unha asociación independente que está a piques de estrear a súa oitava montaxe. A gran cita está fixada para o sábado (auditorio, 21.00 horas). Á fronte dos 15 actores que asaltarán o escenario estará Juan Mosquera, o director da agrupación.

-¿Que pode adiantar desta nova montaxe titulada Colón debe morrer?

-O guión orixinal é de Daniel Fernández, Joaquín Mosquera e Viriato Valdés, compañeiros do grupo Atopd de Santiago. É unha obra que xira ao redor do feito de que non foi Colón o que descubriu América, senón que este territorio xa fora atopado por Portugal, Francia e Inglaterra. Entón, cando Colón inicia os preparativos para ir na procura de novos continentes, estas tres potencias queren matalo. Ao fío disto, pasan moitas cousas, pero é mellor que a xente as vexa.

-Esta é a oitava montaxe de Criaturas, ¿como foi a traxectoria?

-Dentro de tres meses fará catro anos que se fundou o grupo, cando eu estaba facendo prácticas no instituto Félix Muriel. Agora xa nos desvinculamos do centro e constituímos unha asociación.

-Pero, ¿seguen no grupo aqueles estudantes cos que empezou?

-Algúns si, pero agora somos un grupo máis heteroxéneo, no que hai incluso un par de persoas de Ribeira. Tamén hai quen está en Santiago, estudando unha carreira ou un ciclo.

-¿Non é complicado manter vivo un grupo destas características?

-Non é tan difícil manter enganchados aos mozos como fixar un día de ensaio que, como hai quen estuda fóra, ten que ser en fin de semana. Hai moita vontade.

-Despois da estrea do sábado, ¿cales son os plans?

-Temos prevista outra función en Rianxo, no mes de xaneiro. Repetiremos obra e logo empezaremos xa a pensar na próxima. A idea é desviarnos da comedia e meternos no misterio.

-¿Cales son os principais atrancos para un grupo pequeno como Criaturas?

-O máis difícil é conseguir actores comprometidos. Hai moita xente que empeza, ven dous ou tres días, pero acaba deixando porque non atopa compañeiros afíns ou porque vive unha mala experiencia. Aqueles que non teñen constancia ou autocrítica soen abandonar. Isto é para xente á que lle guste o teatro e estea disposta a sacrificar o seu tempo libre. A recompensa é bastante grande.

-¿E cal é esa recompensa para vostede?

-A nivel persoal, a gran recompensa ven dada polo afán de superación. Eu tento darlle sempre aos meus actores papeis distintos, para que eles vexan novas dificultades que afrontar e sexan capaces de facer cousas diferentes co paso do tempo. A maiores, os intérpretes experimentan o recoñecemento de aqueles que veñen ver a obra. Tamén hai algunhas persoas ás que lles gusta ser o centro de atención, o destino de todas as miradas.