«O aparcamento é básico para os nosos negocios»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

FIRMAS

A asociación de hostaleiros de Portonovo renova a súa directiva coa unión do sector coma un dos seus obxectivos

18 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Can de San Roque tomou posesión do seu cargo o pasado venres.

-¿Que aporta unha asociación como a súa a unha vila como Portonovo?

-A unión de obxectivos comúns, de vías comúns de promoción dos nosos produtos.

-¿Cales serán as súas liñas de traballo?

-O meu nomeamento como presidente aínda é moi recente, e non será un cambio radical, por exemplo, a anterior presidenta é vocal na nova directiva. Todos temos os nosos traballos e temos a intención de levar a asociación adiante en común. Na primeira reunión valoraremos un pouco o traballo do pasado, sobre todo sobre o aparcamento. Entendemos que é básico para os nosos negocios e tamén para a vila, e as medidas das festas patronais e colaborar con outras asociacións.

-¿Por que tanta insistencia no párking no porto?

-Pensamos que é o mellor. Non nos gustaría que fose o único, e se é o único que sexa xa. Houbo un momento en que o porto estaba aberto e entraban moitos coches e a xente non se ía. Si se colle o problema antes de que chegue o próximo verán, non teremos que andar con tantos líos nun momento en que temos moito traballo. Ese é un espazo que está infrautilizado.

-¿Que vantaxes lle ven a este párking fronte a outros lugares posibles na vila?

-Proximidade, cercanía para a xente que ven de fora ao ter o aparcamento e o pobo ao lado. Se alguén chega a un lugar e hai un párking preto das tendas e de todo, pois aparca, sae e toma algo tamén.

-Ao longo deste verán, vostedes se opuxeron a unha carpa de marisco, ¿por que?

-Nós imos seguir nesa mesma liña. Non consideramos que sexa unha festa do marisco, coma a do Grove. Esas festas coma esa duran una semana ou dúas, pero non o fai durante un mes ou dous. Iso é outro negocio, non unha festa do marisco. Como xa dixemos se as circunstancias e todo fan que estea legal terémonos que aguantar aínda que sexa inxusto. Se o que queren é facer é traer xente a Portonovo, que a fagan agora que está a vila baleira.

-¿Hai problemas de botellón ou ruído en Portonovo no verán?

-Unha das cousas que estamos valorando comentar cando nos reunamos co Concello son os actos de vandalismo polas noites. Non hai un triste policía local pola noite. O vandalismo é un serio problema para que Portonovo poida seguir avanzando.

miguel anxo besada iglesias pte. o can de san roque