Exploradores, explotadores

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Fago unha recomposición histórica e vexo a un paisaniño da selva sudamericana cuberto cun taparrabos que encontra a un señor conquistador vestido de ferro, e en vez de sorprenderse e pensar que ese tipo ten que cheirar e apestar a suor, vai e admírao polos elaborados roupaxes con que se cubre ata non deixar ver máis cá pel da cara. Por sinais, o sorprendido nativo enténdese con el, quen lle pide o colariño de ouro con que adorna o pescozo a cambio dunhas tesoiriñas ou un espello de folla de lata que aquel nunca vira. Feito o intercambio, cando chega á aldea e o cacique co seu penacho de plumas lle ve aquelas marabillas, manda unha embaixada a falar co home de ferro levándolle unha saca de xoias con intención de trocalas por aqueles milagres da tecnoloxía que, como moito, só lle van servir para embelecarse mirando a propia cara ou para cortar as uñas dos pés. O afán do cacique é ter máis cos demais. Acaba de renacer a envexa e a avaricia, que son a porta de entrada de todos os males que de antigo asolan a humanidade, guerras e pecados capitais, mortais e veniais. O resultado final é que alí, nesa mesma selva, despois do ouro, os homes de ferro buscaron caucho, café, froita e madeira, e endexamais, por moito que dalí sacaron, acadaron eses países un posto relevante no mundo, e aínda a maiores andan hogano os seus habitantes mendigando un traballo digno na terra dos seus explotadores.

E nesta mesma semana en que falamos do ébola, da malaria e de tantas enfermidades contra as que non hai presuposto de investigación, porque quedan nese outro mundo do que nos separan aramados, valos e caiucos, evadímonos do medo a que nos invadan tales males disfrutando dos grandes avances tecnolóxicos que nos permiten ver o partido da semana en pantalla grande e en tempo real, mentres chateamos cun amigo que está nas antípodas; e congratulándonos de que os poucos casos de ébola que temos fomos quen de vencelos. Xogamos e comunicámonos con artefactos fabricados cos materiais escasos ou inexistentes no primeiro mundo pero que nos permiten extraelos na África do corazón das tebras a troco dalgún destes nosos xoguetes electroluminiscentes.

Os novos conquistadores tamén visten con roupas moi completas e portan unha saca de quincalla na procura do fósforo, bromo ou uranio con que fabricar estes dispositivos do benestar e que ó cabo tamén serven de moeda, tal novos espelliños e tesoiriñas de última xeración en lugares onde as parabólicas necesitan un permiso especial do ditador que cadre. Alí onde non hai cartos nin para mercar os grans de millo da semente nin ninguén porta por levarllos. E accedemos a este intercambio sen darlle moita importancia nin compararnos con aqueles da cruz e a espada, onde semella que o único afán dos nativos é ter un televisor máis grande có do veciño e nós compracémolos.

Daquela, ¿quen é peor, o comenencias daquí ou o dalí?. ¿Nós, que esquecemos a desgracia contada en vidas perdidas por falta de presuposto en axuda sanitaria, ou eles que non saben valorar o que teñen?. Nós porque estamos a cuberto ou seus caciques e xeques que viven adormecendo nas súas mansións da costa mediterránea, en Manhattan ou nos Alpes, onde tampouco ha de faltar un casino sempre aberto para gastar coa man esquerda os subornos recibidos coa dereita.

Que mágoa que nin nós temos consciencia nin a eles se lles ocorre negociar cunha frase ben simple: «Falaremos da explotación mineira cando nos traiades as vacinas e hospitais que necesitamos».