No seu título octavo a Constitución española establece que a provincia ten personalidade xurídica propia e que a Deputación é o órgano de goberno e administración da provincia. Con ese aval lexislativo, a institución ourensá presidida por José Manuel Baltar tivo a feliz idea de buscar un himno para Ourense. Pero, máis alá das leis, esta decisión parte dun fondo impulso emocional. Os himnos e as bandeiras contribúen a facer máis fortes aos países, neste caso á provincia, e fortalecen os valores cos que se identifican os cidadáns dun determinado territorio. No caso de Ourense no solpor, a obra de Manuel de Dios elixida pola Deputación para converterse no himno da provincia, encarna claramente ese espírito e ademais conta cunha musicalidade e unha forza que xa facían desta obra un referente para todos os ourensáns. É necesario destacar, non obstante, que o resto das obras presentadas durante o proceso de recollida de propostas destacan tamén pola súa calidade artística e as súas aportacións amosan o interese que a creación dun himno provincial xeraba na cidadanía.