Riveira presenta un novo sistema de aprendizaxe musical, de forma colectiva e cun horario cómodo
24 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Quen estea disposto a aprender de cero a tocar un instrumento musical non debe faltar ao concerto-presentación do ClassBand, un novo sistema de ensinanza musical colectiva, baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe máis dinámica, nun horario cómodo e sen necesidade de aportar instrumentos ou partituras. Este novo sistema, que en Portugal arrasa, presentarase este venres (20.30 horas) na Casa da Cultura de Burela, a primeira localidade española na que se desenvolverá esta iniciativa. Chega a Burela da man da Banda Municipal de Música.
-Di que en Burela é a primeira localidade onde se imparte...
-É un sistema patentado que chega a España por primeira vez. Aínda que agora estamos pensando en traballar con el en varios sitios, Burela é o primeiro sitio ó que levamos este sistema. O equipo de ClassBand integrámolo cinco persoas, profesores e directores, con longas experiencias e traxectorias no mundo do ensino musical. Somos profesionais que coñecemos outros sistemas de ensino e tamén métodos empregados en países diferentes. Con isto no se pretende substituír outra forma de ensino, senón que é outra opción. O obxectivo principal é que os nenos desfruten de cada minuto que pasan na clase. Que non vaian obrigados e que pidan volver. O que queremos é ensinar e formar alumnos que en tres meses podan participar nun concerto.
-¿O curso está só dirixido aos nenos?
-Non. Faremos dous grupos de iniciación; un de 4 a 5 anos, e outro de 6 a 7. Pero tamén impartimos clases a partir dos oito anos en adiante, a alumnos adultos. O que pretendemos é que os alumnos de entre 4 e 7 anos formen una banda de papel, con instrumentos de papel, máis que por nada, polo peso dos reais.
-¿Por que deciden presentalo en Burela?
-Chegamos un pouco por casualidade, a través da banda de música. Despois de Burela queremos continuar a expansión deste sistema noutros lugares de Galicia, Asturias e Zamora, nun principio. Pero isto non é só formación, co paso do tempo queremos formar unha banda.
-Antes falaba de horarios cómodos...
-Horarios cómodos para os pais e para os fillos. Queremos impartir tres clases colectivas de 60 minutos semanais divididas da seguinte maneira, unha hora de clase por instrumento (vento-madeira, vento-metal-percusión), outra de ensaio grupal e outra dedicada á linguaxe e á teoría musical.